Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
presentan os catro plans sectoriais anunciados

O Goberno abre a billa e solta 34 millóns de euros para paliar os efectos da crise

Falouse deles todo o mes e van dirixidos ao téxtil, a automoción, a construción e a minaría. Axudarán a termar do mercado laboral e a reforzar o autoemprego.

Redacción - 19:45 04/12/2008
Os sector da construción será un dos "auxiliados" cun seu plan / Flickr: alberto_rubio

Os sector da construción será un dos "auxiliados" cun seu plan / Flickr: alberto_rubio

O Goberno vai investir 34,2 millóns de euros en 2009 a un "plan de choque para mitigar os efectos da crise no mercado laboral". Así o anunciou hoxe o presidente Touriño, após asistir ao Consello da Xunta no que se aprobaron catro fases distintas deste plan, que inciden nos sectores estratéxicos do téxtil, a automoción, a construción e a extracción de minerais.

As axudas aos catro sectores ascenden aos 23,5 millóns de euros; ademais, outros 10,7 millóns de euros irán destinados a un Programa de Reforzo de Autoemprego, do que se beneficiarán un total de 520 proxectos (nos que se traballará para acompañar o emprendedor no comezo do seu proxecto empresarial, axudaráselle na contratación e incrementase tamén a contía dos incentivos a favor do colectivo de parados de longa duración).

Programa de apoio ao téxtil
O do téxtil é un dos sectores estratéxicos na economía galega. O seu programa de apoio, aprobado esta quinta feira, desenvolverase ao abeiro do acordo específico da Mesa do Sector Téxtil, asinado en maio deste ano. O obxectivo desta actuación serán os traballadores afectados por un ERE de suspensión, e as beneficiarias aquelas empresas que traballen en Galiza, rexidas polo convenio colectivo deste sector e que teñan unha media de traballadores fixos igual ou superior ao 45% para as empresas de até 40 traballadores, e do 70% para os que superen os 40 traballadores nos 6 meses anteriores á solicitude de suspensión de contratos de traballo.

Este programa, que xa contou en 2008 cun orzamento de 200 mil euros, e que para 2009 dispón dun millón de euros, busca que os traballadores afectados por expedientes de suspensión de contratos deste sector poidan formarse durante os períodos de suspensión.

Programa Laxa
Este programa vai dirixido ao sector da extracción de minerais non metálicos nin enerxéticos e fabricación de produtos derivados, fundamentalmente o sector da lousa. O rozamento total desas axudas -que foron publicadas esta cuarta feira no DOG- chega aos seis millóns de euros para 2009. Con este convocatoria, a Consellaría de Traballo ten previsto beneficiar a 300 desempregados, aos que se lles ofrecerá unha oportunidade laboral. Ademais, co programa preténdese mellorar a empregabilidade dos traballadores por medio de adquisición de experiencia profesional noutros vieiros na súa profesión, e facilitar a súa reinserción laboral. A intención, tamén, é que se contribúa a poñerlle freo ao despoboamento e envellecemento do mundo rural que, segundo a Xunta, ten, entre outras causas, a non substitución dos empregos relacionados co sector primario por outros na industria e, fundamentalmente, no sector servizos.

Por outro lado, o Plan Laxa inclúe un programa de crédito para a concesión de préstamos persoais aos traballadores que teñan aínda pendente o cobro dos seus salarios. A Xunta financiará o 100% dos xuros e a súa comisión de apertura (o orzamento para isto é de 100 mil euros).

Plan Reorienta
Este plan vai destinado aos traballadores que perderon o seu emprego nos últimos dous anos fundamentalmente na construción. Saído dun acordo cos axentes sociais e económicos, apóiase na orientación personalizada, a promoción e apoio ao emprendemento e o apoio á mobilidade xeográfica dentro de Galiza. Ademais, facilitará a incorporación dos demandantes de emprego a outros sectores (preferentemente ao das enerxías alternativas, rehabilitación e restauración, manexo de maquinaria pesada e agricultura ecolóxica) a través de procesos formativos.

O Plan Reorienta tamén prevé unha compensación económica de 1.050 euros para aqueles participantes que, carecendo de rendas, non están percibindo prestacións. O programa conta cun orzamento de 3,8 millóns de euros para 2008 e para, aproximadamente un milleiros de beneficiados. Para o ano que está ás portas, o orzamento é de 6,5 millóns e estímase que será beneficiados 3.500 demandantes de emprego.

Plan da Automoción
O investimento total para este sector estratéxico é de 10 millóns de euros e van destinados a que as industrias dedicadas á automoción que sufran unha parada obrigada de produción en decembro deste ano, impartan nese período formación especializada aos seus traballadores. A Consellaría de Traballo asinará en breve o convenios correspondentes, por un importe máximo de 400 mil euros con cada empresa.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Na posta en marcha deste plans, a Xunta empregará máis de 34 millóns de euros / Flickr: redune
Na posta en marcha deste plans, a Xunta empregará máis de 34 millóns de euros / Flickr: redune
A Xunta tamén axudará o sector da minaría / Imaxe: pedras amoreadas, no Flickr de nonopp
A Xunta tamén axudará o sector da minaría / Imaxe: pedras amoreadas, no Flickr de nonopp
As empresas da automoción recibirán 10 millóns de euros / Na imaxe, as mobilización do pasado mes de novembro
As empresas da automoción recibirán 10 millóns de euros / Na imaxe, as mobilización do pasado mes de novembro