Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Conflito no Curdistán

O líder encarcerado do PKK demanda o Estado grego por telo entregado a Turquía en 1999

A Corte Europea de Dereitos Humanos critica a situación de illamento que sofre Abdullah Öcalan dende hai dez anos.

Redacción - 11:00 06/12/2008
Öcalan leva case dez anos preso

Öcalan leva case dez anos preso

O líder do Partido dos Traballadores do Curdistán (PKK), Abdullah Öcalan, condenado a cadea perpetua e encarcerado en Turquía dende hai dez anos, decidiu demandar o Estado grego por o entregar aos servizos secretos turcos cando estaba refuxiado na embaixada helena en Quenia, en 1999. Na operación tamén participaran axentes estadounidenses.

Na demanda, segundo informan axencias internacionais, pídese unha compensación de 20 mil euros. "Trátase dunha suma simbólica cunha mensaxe para o pobo grego e para a opinión pública europea contra a violación da política de asilo", declarou o seu avogado, Yianis Rahiotis.

Öcalan, logo de pasar por Siria, Rusia, Italia e Grecia en busca de asilo, "recibiu garantías de oficiais gregos" en xaneiro de 1999 sobre a súa seguridade polo que se refuxiou na embaixada grega no país africano. Mais arrestárono durante o que coidaba era un traslado dende a delegación ao aeroporto con posterior destino, Suráfrica. Os principais responsábeis do engano, segundo Öcalan, foron o entón primeiro ministro grego, Costas Simitis, o ministro de Exteriores, Teodoros Pangalos, e o xefe dos Servizos Secretos, Haralambos Stavrakakis.

Tanto Pangalos como os seus colegas de Interior e de Xustiza foron cesados por este suceso. No entanto, os políticos xa non poden ser imputados ao se extinguir o tempo legal estabelecido para o facer. O caso podería chegar ao Tribunal Europeo de Xustiza.

Periga a súa saúde psicolóxica
Outra corte, neste caso o Corte Europea de Dereitos Humanos (ECHR, nas súas siglas en inglés), así como tamén o Comité para a Prevención da Tortura (CPT) do Consello de Europa reclamaron esta semana a "socialización" de Öcalan, confinado a perpetuidade e en solitario na illa-prisión de Imrali dende o seu arresto. A súa saúde psicolóxica, sinalan, estase a ver afectada por esta situación.

En resposta a este requirimento, o goberno turco está a estudar a posibilidade de enviar novos reos a este cárcere, onde o xefe do PKK é o seu único inquilino, mais "non compartirán cela co líder terrorista. Terán outras celas", segundo sinalou o ministro de Xustiza, Mehmet Ali Sahin.

Esta medida está a ser fortemente criticada dende as tribunas máis reaccionarias do país. O diario Hürriyet considera que Öcalan está en mellores condicións, por exemplo, que Ilich Ramírez Sánchez, alcumado Carlos O Chacal, ou que os líderes mafiosos italianos.

Manifestacións: un morto
Mais o antigo membro turco do ECHR Riza Türmen escribiu no xornal Milliyet que O Chacal se reuniu cos seus avogados 640 veces en 4 anos, non tiña restricións ás visitas e contaba cunha televisión na súa cela. Öcalan ten acceso á radio, a libros e periódicos, e pode recibir unha visita semanal.

Durante o último mes organizáronse manifestacións en toda Turquía, especialmente no sueste de maioría curda, para protestar polas condicións carcerarias de Abdullah Öcalan. Ducias de coches arderon e unha persoa morreu por causa dos disparos da Policía.


5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: