Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Integración no Consorcio das Mariñas

A Coruña descobre a área metropolitana

Durante os mandatos de Francisco Vázquez, a cidade viviu de costas ao proxecto de coordinación municipal que agora está chamada a liderar.

Redacción - 09:00 11/12/2008
O alcalde da Coruña, Xavier Losada (PSdeG)

O alcalde da Coruña, Xavier Losada (PSdeG)

"Os coruñeses queren estar neste consorcio, no Consorcio Metropolitano da Coruña, queremos lideralo, traballar todos unidos", afirmaba este mércores en conferencia de prensa Xavier Losada, alcalde da Coruña, explicando que a cidade quere afondar na capacidade de colaboración cos veciños da área metropolitana "para seguir sendo o piar económico e social sobre o que se constrúe Galiza".

Malia que Losada tamén asegurou na súa intervención que a cidade herculina "sempre mirou á area metropolitana" e apostou pola "colaboración, solidariedade e apoio á bisbarra", o certo é que na práctica isto non foi así. De feito, o anterior rexedor, Francisco Vázquez, permaneceu alleo durante moito tempo ao proxecto estrela para colaborar e coordinar esforzos no contorno metropolitano, construído arredor do chamado Consorcio das Mariñas. O propio herdeiro de Vázquez, e no seu momento man dereita do rexedor, tense pronunciado en contra desa integración supramunicipal.

Agora, Losada muda de opinión e no acto público desta semana asegura que a entrada no consorcio metropolitano responde "ao compromiso adquirido como alcalde e cos coruñeses a través do programa de goberno". Atrás quedan as reiteradas peticións dos rexedores veciños, co socialista Xulio Sacristán, alcalde de Culleredo e actual presidente do Consorcio, para a integración da metrópole herculina no proxecto común.

Pulo á area metropolitana
Na inercia do descubrimento metropolitano, o rexedor coruñés mesmo foi máis aló e analizou que o consorcio deberá desenvolver novas estruturas e "novas fórmulas de decisión e participación", con "novos obxectivos". Na súa opinión a meta é "construír con Ferrol e Bergantiños unha grande eurorrexión capaz de posicionarse en Europa".

Ao fío, o actual presidente do Consorcio, o alcalde de Culleredo, admitiu que non haberá problema para que A Coruña lidere o novo proxecto. Recordoulle en todo caso a Losada que o organismo non toma decisións por si mesmo, "senón co consenso e o apoio do resto". No mesmo sentido falou o alcalde de Sada, Abel López (BNG), quen cualificou de "paso moi importante" a decisión do goberno local coruñés. O rexedor sadense destacou as oportunidades que ten esta colaboración para a xestión de diversos servizos, como transporte ou residuos. E ao tempo, aínda defendendo que A Coruña lidere a nova área a partir dunha modificación dos estatutos actuais, advertiu que se deberán ter en conta "as realidades municipais" procurando potenciar "as singularidades de cada concello".

Á volta do Nadal comezarán as negociacións para o deseño da nova agrupación supramunicipal. Definida estrutura e obxectivos, os concellos aprobarían novamente a súa integración. Espérase que sigan os que xa están na actualidade (Abegondo, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada), e podería entrar algún máis, como é o caso de Cerceda.


4.33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: