Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Clima Social

O desemprego segue a ser o factor que máis preocupa á cidadanía

Segundo o estudo da Xunta, seis de cada dez cidadáns considéranse tan galegos como españois.

Redacción - 17:20 12/12/2008
O secretario xeral de Análise e Proxección, Xosé Manuel Rivera Otero

O secretario xeral de Análise e Proxección, Xosé Manuel Rivera Otero

O secretario xeral de Análise e Proxección, Xosé Manuel Rivera Otero, presentou esta sexta feira o último informe do estudo Clima Social de Galiza, que esta entidade, dependente de Presidencia, realiza periodicamente. Desta volta, os datos recollidos corresponden aos meses de novembro de decembro deste ano, e saen dunha serie de enquisas que se lle fixeron a dous mil persoas entrevistadas; 507 delas procedentes da provincia da Coruña, 496 de Lugo, 497 de Ourense e 500 de Pontevedra.

O que máis quixo destacar Rivera Otero na presentación, ante os medios de comunicación, deste novo informe, é o feito de que os galegos valoren máis negativamente a situación económica no resto do Estado Español que en Galiza. Mentres o 56,1% dos enquisados pensa que a situación económica de Galiza na actualidade é mala ou moi mala -un 30,6% cualifícaa de nin boa nin mala e un 10,2% de boa-, o 69,1% das persoas consultadas pensan que a situación no resto do Estado é mala ou moi mala. Hai uns 13 puntos de diferenza entre ámbalas dúas porcentaxes, o que o secretario xeral de Análise e Proxección quixo sinalar como "un feito insólito, inaudito ou, polo menos, é moi novidoso", e continuou: "que as persoas consultadas vexan peor, neste contexto de crise, a situación no resto do Estado que en Galiza, amósanos que houbo un cambio de percepción entre os galegos e galegas, xa que hai unha parte importante que pensa que aquí a cousa non vai mal". "O atraso económico é unha categoría clásica, porque sempre se viviu en Galiza esa percepción de estar por detrás, por iso é para vivir coma un éxito que se mudara ese xeito de ver o ser de Galiza".

Mostras de confianza nas accións do Goberno
Outro dos datos que analizou Rivera Otero foi o referido á valoración sobre a actuación da Xunta. O 52,2% dos enquisados e enquisadas aproba a actuación do actual goberno, cousa que destacou o secretario xeral de Análise e Proxección, "sobre todo tendo en conta o contexto de crise económica que estamos a vivir, mais tendo en conta que neste apartado a porcentaxe podería cualificarse de continuísta en relacións cos análises presentados con anterioridade".

O secretario xeral de Análise e Proxección comentou tamén a boa valoración da situación política de Galiza. Un 51,6% dos galegos consideran que é mellor que hai un ano, e un 34,3% cre que ha mellorar nos vindeiros meses.

A maior preocupación: o desemprego
A maior parte das persoas consultadas sinalan "a falta de traballo, desemprego" como un dos tres principais problemas da sociedade galega na actualidade. A valoración do paro como o principal problema para os cidadáns de Galiza subiu, segundo comentou Rivera Otero, uns 20 puntos dende hai un ano. Na actualidade o 40,4% dos enquisados está preocupados polo traballo, o que fixo que outros problemas, coma o "atraso económico respecto do resto do Estado" e "a sanidade (listas de espera, etc)" pasasen a un segundo plano. Segundo Rivera Otero, as recollidas son "cotas semellantes ás de hai seis ou sete anos, mais esta porcentaxe sempre se mantivo por riba do 40%, e excepcionalmente, hai un ano e medio baixou moitísimo, pero agora tense recuperado esta preocupación. Está máis perto da media da última década que hai una ano e medio".

A valoración dos líderes políticos
Emilio Pérez Touriño (PSdeG) é, segundo estas enquisas, o líder mellor valorado polos galegos e galegas, cuns 5,35 puntos de media. Despois sitúase Anxo Quintana (BNG), cunha media de 4,82 puntos, seguido de perto de Alberte Núñez Feijoo (PSdeG), que chega aos 4,16 puntos.

En canto ao voto, hai un apartado neste enquisa que lles preguntaba aos entrevistados e entrevistadas a que partido votarían "se se convocasen agora as eleccións autonómicas para elixir o Parlamento de Galiza", e del despréndese que un 24,4% votarían o PSdeG, un 20,9% o PPdeG e un 12,3% ao BNG. Non se pode sinalar como "intención de voto", senón como unha "intención expresada", segundo revelou Rivera Otero, quen destacou, ademais, que neste apartado non se reflicte a opinión dun 30% dos consultados, que "non sabe aínda que votaría" ou que "non quere contestar". "Hai xente indecisa, xente que non di o que vai facer e xente que non o dirá nunca, e danse outros moitos fenómenos, que non nos poden levar a dicir que este sería o resultado que colleitarían estes tres partidos nas eleccións autonómicas".

O 62,4% dos consultados considérase "tan galego coma español"
Só un 7,3% dos enquisados se sente "unicamente galego ou galega". Un 15% séntese máis galego que español, un 7,3% unicamente español e un 6,5% máis galego e español. Mais a maior parte das persoas consultadas séntense, en igual medida, tan galegas como españolas.


1/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: