Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CRÍTICA DE ARTE

8 miradas para seducir

`7+1 Project Rooms', comisariada por Gerardo Mosquera, estará no Marco até o 15 de febreiro.

Chus Martínez Domínguez - 13:00 21/12/2008

O MARCO de Vigo pecha o ano 2008 cunha mostra que, polo seu proceder e lectura, dista das colectivas que vén caracterizando a súa filosofía expositiva, e que se anuncia con cambios para o seguinte ano.

A mostra, comisariada por Gerardo Mosquera, coñecido crítico e comisario internacional, propón un total de oito producións que articulan un heteroxéneo e sorprendente percorrido insistente na idea de exhibición individual. Deste xeito, pártese dunha intencionada ausencia temática, que propicia que os espazos da planta baixa e a fachada do edificio, muden en secuencias singulares e a priori inconexas entre si, pero intuitivamente unidas na lectura de conceptos como poder, política, violencia, xénero e contexto urbano, non exenta da crítica, da ironía e do lúdico.

No proxecto destaca unha especial atención ao exercicio visual, á interrelación de diferentes imaxes xeradas por estas nomeadas constantes para forzarnos, quizais, a entender coa mirada; impactante no magnífico outeiro de terra e vexetación do galego Jorge Perianes; sorprendente na abrumadora carroza de Thomas Hirschhorn; violenta no brutal linchamento do vídeo de Kendell Geers; e inesperada na proxección de Young-Hae Chang. Sen embargo, unha das pezas máis interesantes da selección escapa a esta visualización, a intensa paisaxe sonora de Cidade Xuarez (México), recreada por Teresa Margolles mediante distintos altofalantes que reproducen os lugares onde apareceron mulleres asasinadas, e que invita a ser percorrida, atenta e solemne.

Todas as propostas semellan amplificar a inabarcable confrontación entre o home e a natureza, entre os seus instintos e a esfera que o alberga, xa sexa a natureza ou a cidade, como reza o luminoso instalado na fachada do museo de Fernándo Sánchez Castillo "La calle es mia", xa sexa a liberdade e o cativerio nas celas de Tania Bruguera. A nosa sociedade ten presentado estas relacións como un xogo, un espectáculo destrutivo e aniquilador, é o caso da instalación de Mónica Bonvicini no espazo do panóptico, e na que semellan aglutinarse todas estas sinerxías.

Non hai dúbida de que o que aquí se nos ofrece é un conxunto de opcións cuxo contido é a mesma realidade: simpática, brutal, indiferente e curiosa, mediando entre ela unha arquitectura dobregada que invita a ver, reflexionar, sentir e intentar atopar o motivo que conforma esta exposición. Podería ser simplemente: seducir a quen a contempla.


4,47/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: