Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Co proceso xudicial aberto

En Merexo o rei Harald atende antes que Touriño

A oficina do monarca trasládalle ao Ministerio de Exteriores noruegués as queixas sobre Stolt Sea Farm, mentres os veciños muxiáns se queixan da falta de resposta da Xunta.

Redacción - 14:00 16/12/2008

A Plataforma Veciñal de Merexo recibiu resposta por parte da oficina da casa real norueguesa sobre a queixa realizada pola actividade da empresa Stolt Sea Farm en Galiza. Nunha misiva dirixida ao rei Harald V, o colectivo queixábase do proxecto de piscifactoría da empresa a pé das súas casas. "Un atentado patrimonial e ambiental que usurpa de xeito forzoso máis de 270 mil metros cadrados do pobo de Merexo" coa fin de ampliar unha granxa de cultivo acuícola.

Na contestación chegada desde Noruega, a oficina do xefe de Estado noruegués anuncia o traslado das demandas veciñais ao Ministro de Asuntos Exteriores de Noruega. Un feito simbólico, pero que os veciños de Merexo aproveitan para exemplificar o que consideran que é a actual situación das súas reivindicacións. Así, destacan que fronte á "sensibilidade con esta inxustiza" mostrada fóra de Galiza, no noso país "Xunta e Concello seguen mirando cara a outro lado".

"Non estamos en contra da acuicultura, pero sabemos que hai sitios máis apropiados na extensa costa que temos no país", subliñou Antonio Devesa, voceiro da plataforma, en conversa con Vieiros. "Por que queren arramplar co noso pobo e afectarlle negativamente ao sector agrícola, pesqueiro e turístico podendo atopar un espazo mellor?", pregúntase Devesa.

Proceso xudicial en marcha
Os veciños non son optimistas ao respecto da interlocución coas administracións. Malia a proximidade electoral, non confían en que o Goberno se aveña a negociar a modificación do proxecto. Con todo, si confían en que o proceso xudicial aberto poida chegar a bo fin. Malia a lentitude, a admisión a trámite das denuncias veciñais por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia é agora mesmo a vía pola que esperan ter resposta.

Á beira, a plataforma prepara a documentación para acelerar os trámites en Bruxelas, desde onde agarda o pronunciamento da Comisión Europea ao respecto do conflito. Consideran que haberá resposta favorábel unha vez constatado que o proxecto "vai en contra das recomendacións do marco legal", que aconsellan que as granxas acuícolas estean fóra dos núcleos de poboación e eviten o impacto cultural e noutras áreas económicas, como é o caso da turística e agrícola. Así, agardan que a opinión do propia institución comunitaria pese no seu momento na decisión do TSXG.


4.88/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: