Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PRESENTADO O PORTAL 'GALICIAN WAY'

A vía galega para vender cultura no exterior

A nova web conterá as informacións das marcas GalicianTunes (música), GalicianBooks (literatura), así como de cinema, artes visuais e escénicas.

Redacción - 17:30 16/12/2008

"Nun mundo globalizados necesitamos crear un discurso propio para que se nos escoite". Así defendeu Ánxela Bugallo, conselleira de Cultura, a necesidade de apoiar a comercialización no exterior das creacións culturais galegas. E para vender cómpre ter unha marca. GalicianTunes para a música, GalicianBooks para a literatura, GalicianArt para as artes visuais, Galician Shows para as artes escénicas e Galician Films para o audiovisual. E todos baixo un único paraugas, unha etiqueta única que vehiculizará toda a estratexia de internacionalización da cultura galega: The Galician Way, a vía galega, o xeito galego de ver o mundo.

A nova web servirá de contedor para todas as novidades e eventos que se sucedan en cada das cinco liñas de proxección. Unha maneira de simplificar, de facilitar o traballo a todas as persoas interesadas, dende o exterior, na cultura galega.

Dúas grandes citas: Lorient e Salón do Cómic de Barcelona

Aproveitando a presentación do novo portal. Ánxela Bugallo e Luis Bará, director xeral de Creación Cultural debullaron as principais liñas estratéxicas e eventos do departamento para o ano 2009. A consellaría dividirá a súa actividade entre a acción interior, que será responsabilidade principalmente da Dirección Xeral de Creación e Difusión, e a acción exterior, que será xestionada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), de xeito complementario e especializado.

As estratexias de internacionalización centraranse nuns escenarios moi determinados: o Estado Español (principalmente Euskadi e Cataluña), Iberoamérica, a Lusofonía (de xeito particular Brasil) e Europa (sobre todo a Bretaña, aproveitando a experiencia de Brest e Lorient). Segundo Bará, quérese continuar o traballo realizado nos dous últimos anos, que serviron para gañar experiencia, e darlle un novo pulo a estas iniciativas, non só no libro, na banda deseñada e na música, que até agora centraron os esforzos, senón tamén nas artes escénicas, as artes visuais e o audiovisual.

As dúas grandes citas serán o Festival Intercéltico de Lorient, na Bretaña, no que en xullo Galiza será o país convidado. E o Saló do Cómic de Barcelona, que comezará o 29 de maio, que tamén se centrará principalmente nos creadores do noso país. Importantes serán igualmente as feiras do libro de Bos Aires, Guadalaxara, La Habana, Boloña e Frankfurt; o Mídem e o Womex en música; así como os acordos de colaboración asinados con institucións e entidades de todo o mundo. Aí deben ser destacados os convenios que permitirán o intercambio de grupos entre Cataluña e Galiza, ou o acordo ao que se chegou co Estado de Minas Gerais, no Brasil, tamén en materia musical.

Traballo conxunto coas comunidades galegas no exterior
Ademais do apoio aos creadores e ás empresas, a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural desenvolverá varias liñas de traballo para promover a lingua e a cultura galegas no exterior. Fomentarase o apoio á tradución a outras linguas, a organización de actividades de difusión dos nosos creadores e o desenvolvemento de actividades conxuntas con entidades de fóra de Galiza. Ao mesmo tempo colaborarase coas comunidades e entidades galegas no exterior para que desenvolvan programacións. Potenciarase o traballo con entidades activas en Barcelona, Lisboa, Bruxelas e cos centros de estudos galegos e os lectorados de lingua e cultura galega espallados polo mundo. Como afirma o lema co que se presentou este martes Galician Way, "gañamos o mundo ao noso xeito".


5/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: