Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cen mil fraudes posíbeis

Confirmado que non se votará en urna, cando menos vaise depurar o censo?

Entre mortos, duplicados e outros erros, hai un 30% de inscricións indebidas na emigración. O Senado debate unha moción que pide amañar as irregularidades.

Redacción - 09:00 17/12/2008

"É un paso necesario e ineludíbel para garantir un mínimo de limpeza e transparencia democrática no exercicio do voto dos cidadáns residentes no exterior". Así o expresa o senador Xosé Manuel Pérez Bouza (BNG), autor da moción sobre a que este mércores debaterá o Senado e na que se lle solicita ao goberno español a realización dunha depuración exhaustiva do Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA) antes das próximas eleccións en Galiza.

As irregularidades nas listas do CERA son un tema longamente denunciado. Vai xa para dous anos que o propio secretario xeral de Emigración da Xunta, Manuel Luís Rodríguez, revelou despois dunha xuntanza co director xeral de Emigración do goberno español que a situación era moito peor do que se pensaba. Segundo admitía Rodríguez, a avaliación que até ese momento se facía dun 15% de inscricións erradas era moito maior, e o propio executivo estatal manexaba daquela unha realidade de até o 30% de erros no censo de ausentes. Sobre unha lista actual de máis de 330 mil inscritos, iso implica que arredor de cen milleiros de inscricións están erradas e son burato fácil para a fraude.

Reiterada promesa de depuración
O goberno español prometeu en diversas ocasións que se realizaría a depuración dese censo, garantindo hai anos que estaría lista para as eleccións galegas de 2009. Pero a promesa foi xa incumprida cando se anunciou que a peneira se faría para as eleccións xerais de 2008 e ás portas dos comicios en Galiza non parece haber présa en acometer a tarefa. Os incumprimentos son lembrados polo senador galego, que recorda as irregularidades novamente detectadas nas últimas citas coas urnas.

Por este motivo, a moción que achega o Bloque no Senado inclúe dous puntos. En primeiro lugar, ínstase o goberno español a dotar os consulados dos recursos humanos e técnicos necesarios para facer o traballo de peneira ao longo do próximo mes de xaneiro, nun "proceso extraordinario de depuración exhaustiva do CERA". Por outro lado, solicítase que esa depuración teña continuidade no tempo, e `proponse que o Ministerio de Exteriores publique un informe estatístico trimestral sobre as altas e baixas que se produzan no CERA".


2/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: