Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Haberá partido o 27

O Galiza-Chile está no aire

O Sindicato de Futbolistas Profesionais de Chile anunciou que o combinado sudamericano non vai xogar en Riazor. Deporte segue a negociar coa Federación chilena pero xa ten abertas outras posibilidades.

Redacción - 11:20 17/12/2008
Imaxe do partido do ano pasado, fronte a Camerún

Imaxe do partido do ano pasado, fronte a Camerún

A máxima responsábel do Deporte Galego, a directora xeral para o Deporte, Marta Souto, quedou en Compostela no canto de ir á presentación da 'Vuelta a España', acompañando ao Xacobeo Galicia, para comparecer ante os medios de comunicación, pasadas as 11:30 horas da mañá da cuarta feira, e asegurar que Galiza vai xogar en Riazor o vindeiro 27 de decembro.

Souto, que estaba acompañada do presidente da Federación Galega de Fútbol, Carlos Meana, sinalou que "non hai, oficialmente, suspensión do encontro de Galiza contra Chile, xa que non houbo comunicación oficial deste feito por parte da Federación Chilena de Fútbol, que é con quen temos o acordo". A máxima responsábel do Deporte Galego tamén quixo remarcar que tampouco saben aínda nada da empresa intermediaria Media Sports -do Grupo Mediapro-, quen facilitou o contrato asinado pola Federación Chilena e a Galega. Neste sentido, revelou que, de haber incumprimento de contrato, a Federación de Chile tería que pagar unha indemnización que ascende a uns 125 mil euros, "aos que lles hai que sumar os gastos de viaxes, aloxamentos, márketing, etc" que xa se contemplaron para a selección chilena.

"Sempre é necesario ter un Plan B"
Porén, Marta Souto salientou que, no caso de haber unha comunicación oficial por parte da Federación Chilena de Fútbol de que o seu combinado non vai poder enfrontarse ao irmandiño o 27 de decembro, "estamos vendo a posibilidade de conseguir outro rival, mais o que agora nos queda é agardar", concluíu.

(11:20 horas)
A Dirección Xeral de Deporte vai tentar reconducir antes deste xoves a crise aberta logo de que o Sindicato de Futbolistas Profesionais de Chile anunciase que non se ía celebrar o encontro contra Galiza. Ao parecer, o desencontro ten que ver cun conflito entre o sindicato e a federación chilena. Un caso semellante ocorreu nun enfrontamento amistoso contra España.

Deporte e a Federación Galega acordaron dar un prazo de 24 horas para arreglar a situación ou do contrario pechar un acordo con outro combinado nacional.

(09.50 horas)
O Sindicato de Futbolistas Profesionais de Chile (SIFUP) informou na súa web, na noitiña desta terza feira en Chile -de madrugada en Galiza-, que o partido contra a selección galega masculina absoluta de fútbol, programado para o vindeiro 27 de decembro, non se vai desenvolver.

O encontro había ser en beneficio deste Sindicato, mais, segundo contan "vimos informar da non realización do mesmo por causas fóra do control deste sindicato e da Federación de Fútbol de Chile, que dificultan insuperabelmente a realización do encontro (...) configurando claramente unha causa de forza maior". Nun parágrafo posterior relacionan a suspensión do encontro "coa non autorización, por parte dos clubes, para que os futbolistas convocados" viaxen a Galiza para disputar o partido.

Ao parecer, os responsábeis da Dirección Xeral para o Deporte e a Federación Galega de Fútbol xuntaranse esta cuarta feira de mañá para buscar unha alternativa, mais se o encontro finalmente non se desenvolve, e hai moitas probabilidades de que isto aconteza, vai ser complicado atopar un rival para os irmandiños en 10 días. De todos os xeitos, de ser como indica o SIFUP na súa web, a Federación Galega pediría unha indemnización ao non haber cumprimento de contrato por parte dos chilenos. Porén, aínda non recibiron confirmación ningunha por parte da Federación Chilena ou do SIFUP.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: