Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Chegamos tarde para poñer a andar a enerxía verde

Quédannos 11 anos e pouco para que esvaia a era do petróleo

Segundo a Axencia Internacional da Enerxía, a produción máxima acadarase no 2020. Logo comezará o declive.

Redacción - 12:00 18/12/2008
Flickr: nighto

Flickr: nighto

Nun só ano a Axencia Internacional da Enerxía mudou varias veces as cifras das súas predicións sobre a produción futura de petróleo. Nun seu informe -World Energy Outlook- do ano 2007 prognosticaban un declive anual na produción do 3,7%; un ano despois, a cifra elévase ao 6,7%.

As novas proxeccións están baseadas nun estudo do ritmo de declive dos 800 principais pozos petrolíferos e, segundo un dos autores do informe, Fatih Birol "é a primeira vez" que este estudo é pormenorizado".

Segundo cita o portal Globalízate, nunha entrevista recente, realizada polo xornalista George Monbiot, á pregunta de cando se pode chegar ao máximo na produción de petróleo, Faith Birol responde: "En termos dos países que non pertencen á OPEP, agardamos que en tres ou catro anos a produción de petróleo convencional comece o seu declive; en termos globais, e asumindo que a OPEP vaia espaciando no tempo a produción, de bo xeito, o petróleo convencional podería continuar no mercado un tempo, mais aínda así agardamos que chegue ao cumio de produción en 2020, o que por suposto non son boas noticias, dende o punto de vista del abastecemento mundial".

Chegamos a tempo para poñer a andar enerxías alternativas?

Esta mudanza significa que habería que comezar canto antes a programar que facer no momento que a produción de petróleo entre en declive. Segundo Robert L.Hirsch, analista do Departamento de Enerxía dos EUA, "para evitar un colapso total da economía global, precisamos comezar cun programa de choque que mitigue este problema, 20 anos antes de que a produción de petróleo chegue ao seu cumio".

Se está no certo, como sinala Félix Nieto nun seu artigo en Globalízate, "xa chegamos tarde para facer a revolución verde que precisamos". Se este analista ten razón, a solución inmediata será comezar a extraer petróleo non convencional das areas bituminosas de Alberta, no Canadá, ou Venezuela, entre outros lugares; cousa que se traduciría en maiores impactos ambientais: minas a ceo aberto, máis emisións de CO2 e unha axuda máis ao crecemento do temido cambio climático.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: