Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Abre un libro, abre o mundo"

Sete millóns de casos de contaxio de VIH poderían previrse educando á poboación

Presentuose a Memoria da Semana de Acción Mundial pola Educación, proxecto en favor do ensino e contra a exclusión social.

Redacción - 09:30 24/12/2008
O crebacabezas feito en Galiza nos actos centrais desta campaña, en abril deste ano

O crebacabezas feito en Galiza nos actos centrais desta campaña, en abril deste ano

O Seminario Galego de Educación para a Paz, Intermón Oxfam, Educación sen Fronteiras, Entreculturas, Axuda en Acción e Intered presentaron a Memoria da Semana de Acción Mundial pola Educación (SAME).

A SAME desenvolveuse entre o 21 e o 27 de abril deste ano que xa termina en todo o mundo; tamén en Galiza. Organizada por unha coalición internacional de ONG, sindicatos do mundo educativo, centros escolares e movementos sociais de máis de 120 países comprometidos co dereito á educación, naceu hai anos para reflexionar sobre a importancia da educación para o desenvolvemento e a erradicación da pobreza, a exclusión social, e as consecuencias que se derivan da súa falta.

A campaña da SAME pódese resumir nas verbas de dúas alumnas que participaron o 23 de abril, no acto central, na Praza da Quintana de Compostela, onde se fixo un enorme crebacabezas colectivo, escribindo en cada peza as demandas en materia educativa que se querían achegar aos políticos. Elas, estudantes de 4º da ESO no IES Agra do Orzán escribiron: "Cremos que é moi importante comezar pola educación das nais, xa que son o motor das familias e, como non, polos nenos e nenas, que son o futuro dos pobos". Nestes actos estiveron un milleiro de rapaces e rapazas de 29 centros educativos de Galiza. Este ano, ademais, bateuse marca de participación a nivel mundial. Este semana de abril máis de sete millóns e medio de persoas de máis de 100 países lembráronlle á sociedade e aos representantes políticos a importancia de que todo o mundo poida ter acceso a unha educación de calidade, especialmente os grupos máis desfavorecidos.

Porque o 0,8% do orzamento destinado á cooperación vaia para a educación
Mais, segundo contaron Manuel Dios -do Seminario Galego de Educación para a Paz-, Maika Beltrán -de Intermón Oxfam- e Paco Valverdú -de Educación sen Fronteiras-, que congregaron os medios de comunicación en Compostela para facer balance deste ano, un dos principais obxectivos desta campaña é facer un chamamento aos gobernantes "para que se impliquen, para conseguir deles un compromiso máis forte". Ademais destas tres organizacións, na conferencia de prensa había representantes das outras tres ONG que organizaron esta campaña no noso país: Entreculturas, Axuda en Acción e Intered.

"Dámonos conta de que isto no que traballamos produce impactos, froitos... e permite que se faga un seguimento maior en política educativa", sinala un dos participantes da campaña nun vídeo exhibido mentres se facía balance dun ano de traballo.

Un destes froitos foi o apoio acadado por parte da secretaria de Estado de Cooperación Internacional, Soraya Rodríguez, á campaña, "mais aínda non se conseguiu o compromiso de que se vai destinar o 8% da axuda ao desenvolvemento a afortalar o sistema educativo dos países aos que van destinados estes orzamentos", sinalou Valverdú. "Mais unha cousa é que asinen un acordo e que despois se cumpra", acrecentou Manuel Dios, mentres Paco Valverdú lembraba que tamén se ten asinado "o compromiso do 0,7%, e aínda estamos lonxe de cumprilo, mais tamén aquí en Galiza, onde levamos anos pelexando por chegar ao 0,4% e aínda estamos no 0,11% do orzamento destinado a axudas á cooperación".

"Abre un libro, abre o mundo"
Este será o lema da campaña o ano que vén, 2009, na que se volverá a traballar para conseguir que a educación teña toda a importancia que merece para o desenvolvemento das persoas, mais tamén a nivel social, procurando mover a xente para conseguir chegar a algún acordo co goberno español, mais tamén co galego. "Hai que ter en conta que no mundo un de cada cinco adultos é analfabeto, é dicir, non sabe ler nin escribir; e o 64% deles son mulleres, as máis afectadas", sinalou Paco Valverdú, ao tempo que revelaba que "sete millóns de casos de contaxio de VIH poderían previrse só educando á poboación, e os nenos dos países máis desfavorecidos terían un 50% máis de posibilidades de chegar aos cinco anos de vida se a súa nai recibe unha educación básica. A educación serve para terminar, tamén coa eternización da pobreza", concluíu.

O lema deste ano, segundo dixo Manuel Dios, será "Abre un libro, abre o mundo", e a campaña centrarase na colleita de varios relatos de escritores consagrados, noveis e alumnos e alumnas galegos e galegas, que conformarán un volume -A gran lectura- que será lido o día escollido, en público. Na lectura mesturaranse textos de Iolanda Castaño, Rosa Aneiros, Teresa Moure ou Marilar Aleixandre, entre outros escritores e escritoras en lingua galega, con textos dos pequenos que contarán algunha experiencia ou reflexións curtas sobre o analfabetismo e a importancia da educación para producir transformacións persoais ou sociais.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Varias xeracións xuntas, nun curso de alfabetización na China
Varias xeracións xuntas, nun curso de alfabetización na China
Aprendendo a escribir
Aprendendo a escribir
Aprendendo a ler en braille en Botsuana
Aprendendo a ler en braille en Botsuana
Descubrindo o mundo / Imaxes: Campaña Mundial pola Educación
Descubrindo o mundo / Imaxes: Campaña Mundial pola Educación