Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PREMIO DE POESÍA

Mario Regueira faise co Johan Carballeira con 'Blues da Crecente'

O xurado estivo formado por Carlos Lema, gañador do certame en 2007, Miguel-Anxo Fernán Vello, e Elvira Riveiro.

Redacción - 11:30 24/12/2008

Foi unha decisión difícil. O xurado, reunido no Concello de Bueu, dubidou durante boa parte da tarde do martes entre dúas obras. Finalmente escolleron o Blues da Crecente de Mario Regueira; porén, o debate non era tan importante en realidade, pois a outra obra que chegou ao final con opcións de gañar o premio tamén fora presentada por Regueira. O xurado salientou que o poemario "representa unha reflexión sobre o amor e as súas condicións existenciais, nun conxunto poemático sometido a unha esixencia de gran atractivo; rítmica, poesía e vida entrelazadas, o amor como sinal de unión e de liberación".

O Johán Carballeira, dotado con 1500 euros, non leva aparellada unha grande achega económica, pero si foi consolidando un certo prestixio nos últimos anos, premiando a autores como Lupe Gómez ou Carlos Lema. Nas bases non se recolle a publicación da obra gañadora, pero o libro moi probabelmente editarase na colección de poesía de Espiral Maior.

Mario Regueira (Ferrol, 1979) é licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago. Como narrador ten publicado o libro de relatos Rebelión no inverno (Xerais 2004) e a novela L'affiche rouge (Xerais 2007). Como poeta publicou Tanxerina (Espiral Maior, 2006), co que gañou o Premio Nacional de Poesía XoséMaría Pérez Parallé en 2005. Forma parte do proxecto editorial Estaleiro Editora.


4.33/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: