Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
GALIZA 3-2 IRÁN

Chegou Nacho Novo e comezou a romaría

A Irmandiña segue invicta despois de vencer ao combinado asiático nun fermoso encontro onde destacou o dianteiro ferrolán.

Pablo García Martínez - 00:49 28/12/2008

Como xa vén sendo habitual nos partidos da Irmandiña, o encontro comezou con certo retardo e un frío que houbera xeado as gorxas dos seareiros desprazados até a Coruña de non ser pola morna paixón irmandiña que lles sobe polo peito arriba.

O encontro comeza cunha selección irmandiña asoballando aos iranianos, que non entraron no partido até despois dos 10 primeiros minutos. Foi entón cando Kaebi tivo unha clara ocasión que desbaratou o capitán da galega, Roberto. Os iranianos pasaron a facerse co dominio do balón por mor do bo facer dos seus medios Zareh e Nouri, mais foi entón cando comezou a axigantarse a imaxe dun miúdo dianteiro que levaba dende o inicio do encontro amolando aos defensas do combinado asiático. Nacho Novo comezou a recibir balóns e non tardou en funcionar o seu codificador para, no minuto 21 de encontro, converter en gol un excelente pase en profundidade de Pablo Álvarez. Os irmandiños semellaron confiarse un pouco despois de poñerse por diante no marcador e o experimentado equipo iraniano aproveitou esta perda de intensidade para irse metendo aos poucos enriba da área defendida por Roberto.

Este avance territorial deu os seus froitos no minuto 30 cando Borhani converte o gol do empate despois dun rexeitamento dentro da área, tras un salto con Rubén no que os xogadores da Irmandiña pedían falta. O equipo de Arsenio e Fernando apostara pola suficiencia despois do seu gol e isto fixo que o gol dos visitantes pillara por sorpresa aos galegos, que vagaron polo campo durante os 10 minutos menos vistosos do encontro. Despois Galiza desperta e da un último empurrón antes de que o árbitro Ignacio Villanueva pitara o fin do primeiro tempo.

No segundo tempo o equipo galego mudou de xeito considerábel e só se mantiveron no campo Ricardo Cabanas, Jonathan Aspas e a gran estrela do equipo galego, o atacante do Glasgow Rangers, Nacho Novo. Entre os oito xogadores que se incorporaron ao equipo destacou Roberto Trashorras, que se aferrou ao mando das operación ofensivas da Irmandiña. O seu cambio por Borja Fernández quitou seriedade ao equipo pero aumentou a creatividade da liña media, onde foron habituais as súas asociacións con Ricardo Cabanas, Dani Abalo ou o propio Novo. O resultado do novo aire do ataque irmandiño foi a chegada do segundo gol, froito dunha gran acción colectiva onde Novo senta ao porteiro iraniano e fusila a portería despois dun gran pase interior de Trashorras.

Acordou Riazor, que estaba aínda dixerindo o bocadillo do entretempo mentres vía como o seu equipo se facía co dominio do encontro. Subiron os decibelios, que chegaron ao punto álxido coa substitución de Novo. Mentres o ferrolán marchaba para o banco aplaudíao a rachar un estadio entregado que lle agradeceu así o salto de calidade que a súa presencia supón para a Irmandiña. Cas emocións da segunda parte aínda quentes Galiza sentenciou o encontro cun gol de Roberto Losada, no minuto 21, ao converter un lanzamento de penalti. A partir de ese momento o partido perdeu interese e só o gol de Khalatrabi, no minuto 82, devolveu certa emoción deportiva a un encontro onde, un ano máis, primou a amalgama de emocións que asolagaron o estadio de Riazor.

O cuarto partido da época moderna da selección galega deixa a segunda vitoria de Galiza e a presentación en sociedade de Nacho Novo como o mellor punta de lanza e un dos mellores xogadores cos que conta hoxe o fútbol no noso país. No que rodea ao encontro, Riazor fíxose un pouco grande para os afeccionados que foron ver á Irmandiña e que só encheron de forma física a metade do campo, mais os seus folgos non só asolagaron as bancadas do campo, senón que outro ano máis volveron levar a paixón irmandiña por todo o país: de Moaña a Ortigueira, pasando polo Barco; de Viveiro a Coristanco, con escala en Vilantime; en Pantón ou en Maceda hoxe haberá moitos veciños do país que, sen saber moi ben por que, sentiron ferver un arrepío ás nove menos dez da noite, cando o Riazor comezou a cantar a gorxa rachada o himno nacional galego.


5/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: