Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
POR UNANIMIDADE

Viale Moutinho, académico de honra da RAG

O autor madeirense vai publicar proximamente en A Nosa Terra o libro de contos 'Negra sombra! negra sombra!'.

Redacción - 19:00 08/01/2009

O escritor madeirense José Viale Moutinho incorpórase á Real Academia Galega coma Membro de Honra, sumándose nesta condición a outros estudosos da nosa cultura como John Rutherford e a Giuseppe Tavani. O plenario da RAG adoptou por unanimidade esta decisión o pasado 20 de decembro e aínda non se fixou a data para o acto de toma de posesión do novo académico.

Viale Moutinho naceu en Funchal en 1945, aínda que desenvolveu case toda a súa vida xornalística e literaria no Porto. Dende os anos sesenta mantén unha relación moi estreita coa cultura galega, o que lle valeu recibir recoñecementos coma o Pedrón de Ouro en 1995. Traduciu ao portugués Memorias dun Neno Labrego, e alén diso, escribiu dúas obras sobre Galiza: Introdução ao nacionalismo galego e De foice erguida.

En declaracións á axencia Lusa Viale Moutinho destacou que a Real Academia Galega e "uma instituição viva, recentemente remodelada, e que inclui muita gente nova. Não é uma academia de velhos". Así mesmo, anunciou que no seu discurso de toma de posesión, lembrará a cultura madeirense, "que é minoritária como a cultura galega". Viale Moutinho salientou a sorpresa que o acompañou nas súas primeiras visitas a Galiza, pola calidade da literatura galega dos anos sesenta e setenta: "comecei a dar-me com escritores galegos e percebi que também lá se estavam a renovar, como acontecia cá, na chamada nova narrativa galega". Ademais, destaca que daquela, e tamén agora, "os galegos estavam mais atentos ao que se passava cá do que nós em relação a eles".

O Portal Galego da Língua destaca a "notável influência linguística de Méndez Ferrín" e o feito de que Viale Moutinho ten recoñecido "a identidade do sistema linguístico galego-português, mas deixando claro que a grafia era um problema dos galegos".

Nas vindeiras semanas, anuncia precisamente Xosé Luís Méndez Ferrín no seu artigo de Faro de Vigo, A Nosa Terra publicará un libro de contos de Viale Moutinho, titulado Negra sombra! negra sombra!. Ferrín destaca a calidade do volume, do que di que "Falan moi ben o galego estes relatos nos que a dicción concisa, as luces inagardadas, a precisión fulgurante das descripcións, a referencia punxente á historia da Galicia Mártir dos anos trinta, o discurrir onírico dos acontecementos que nos arrebata, completan una obra mestra do conto contemporáneo que, orixinalmente en portugués, deita unha luminosidade rara sobre a nosa realidade. O extrañamento alucinado confóndese co realismo e o lector síntese, simultáneamente, distanciado e absorbido".


4.52/5 (33 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: