Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CRÍTICA LITERARIA

Cataláns na Galiza

Mario Regueira analiza 'Se comes un limón sen facer xestos' (Sergi Pàmies) e 'Mil cretinos' (Quim Monzó), recentemente publicados por Xerais.

Mario Regueira - 10:19 10/01/2009

Sergi Pàmies - Se comes un limón sen facer xestos. (tradución de Antón Dobao).
Xerais, Vigo, 2008, 110 páxs. 16 €

Quim Monzó - Mil cretinos. (tradución de Helena González).
Xerais, Vigo, 2008, 144 páxs. 18 €


Non se lle oculta a ninguén que un dos nervios de relación entre as distintas literaturas do Estado español pasa precisamente polos vencellos que fomentan as tres literaturas periféricas entre si. Esta realidade de cooperación e consciencia mútua, que ten o seu reflexo en organizacións como a Federación Galeusca, ten porén un reflexo máis inconstante na realidade editorial. Apesares de existir unha longa tradición de traducións da literatura basca e da catalá, (especialmente desta última), a verdade é que a súa historia conforma un percorrido un tanto errático, que non permite atopar, en liñas xerais, demasiada continuidade por autores. Ocasionalmente chegan ás nosas librarías volumes doutras terras que nos asoman por uns intres a unha realidade editorial que ten que partillar con nós algunhas das súas características. Da maior parte non se volve saber nada, e só algúns, xeralmente os máis mediáticos, fican para ver unha segunda tradución. Do mesmo xeito, tamén a fluencia das traducións déixase percibir como asimétrica. Non cabe dúbida de que recibimos máis obras das que exportamos.

O achegamento á literatura catalá que desta vez encarnan os dous libros editados por Edicións Xerais poderían representar individualmente cada unha desas posibilidades. Dun lado, o debut dun autor tan popular como Quim Monzó, que ademais fai unha aparición nas nosas terras por partida dobre (xunto con Mil cretinos, acábase de editar Vinte e nove contos, por Sotelo Blanco). Pola outra, o practicamente descoñecido, por estas terras, Sergi Pàmies, cunha obra que foi premiada varias veces no pasado ano.

En realidade, e apesar destas dúas sortes hipotéticas, é evidente que as dúas obras representan ese mesmo feito dun achegamento puntual a un momento concretísimo da literatura catalá actual. Aínda para os leigos, resulta evidente a relación entre os dous autores, a similitude no estilo e mesmo en ocasións algunhas coincidencias temáticas que parecen complementarse como nun plano tramado en segredo por dous vellos coñecidos ou como nunha casualidade provocada inconscientemente. Ambos son libros de relatos curtos, asentados na súa maior parte nun contorno urbano. Naturalmente, son os pequenos detalles os marcan a diferenza entre ambas obras.

Pamies, o automatismo da vida moderna
A obra de Sergi Pàmies preséntanos unha aposta decidida polo relato curto, organizado nunha estrutura moi sólida. A coherencia cun proxecto de libro determinado déixase notar en aspectos como a extensión, o manexo do tempo do relato ou a unidade temática, conseguindo unha obra redonda, sen fisuras. Partindo dun título aparentemente cómico, como pode ser Se comes un limón sen facer xestos, o autor mergúllanos nunha obra que trata sobre as pequenas traxedias da cotidianeidade, ou a perspectiva macabra que a mesma oculta frecuentemente. Os personaxes de Pàmies son soprendidos polas pequenas variacións dun curso estabelecido, sen saber ao tempo darlle unha solución aos seus problemas ou enfrontar con afouteza unha nova situación. Resulta inevitábel relacionar isto co automatismo da vida nas grandes urbes, a paisaxe máis frecuente nestes contos. A deshumanización das persoas, así como os seus problemas para comunicárense, apesar dos lazos de afecto, tamén aparecen como unha constante neste libro, que só cede ocasionalmente o seu espazo ficcional a algunha pequena fabulación simbólica ou algún xogo metaliterario, excepcións nun conxunto de relatos marcados polo realismo.

O estilo de Pàmies e claro e conciso, tendendo máis ben cara ao descritivo, algo que unido á brevidade xeral dos textos fai que a lectura sexa rápida e amena. Nun tempo no que a apoloxía da brevidade se conecta tantas veces cos ritmos de vida urbanos e os novos formatos de lectura, resulta obrigado afirmar que neste caso a obra de Pàmies non cae no frecuente perigo da banalización temática que esas tendencias levan consigo. Cada relato de Se comes un limón... garda un significado profundo, acedo como o propio limón ao que alude no título, e esconde tamén, unha enorme orixinalidade no xeito de abordar unha realidade que non se deixa de perfilar, ao tempo, como gris e aborrecida.

Monzó, o realismo vacilante

O libro de Quim Monzó, pola contra, artella o seu proxecto dende unha perspectiva máis aberta, disposto a xogar co lector. A omisión nos paratextos do feito de estarmos ante un libro de relatos, así como a peculiar estrutura do mesmo, colócanos na primeira folla cunha sensación de incerteza, dubidando xa sobre a propia natureza da obra. Do mesmo xeito o desenvolvemento das narracións é acompañado frecuentemente dun desenlace anticlimático, contribuíndo a aumentar un tanto a sensación de desorientación. Os temas, porén, seguen incidindo na mesma crueza da vida deshumanizada e falta de comunicación das persoas no mundo contemporáneo. Concretamente, a relación cos parentes internados en centros de maiores, a soidade das persoas que viven nas cidades, ou o xogo de favores dentro do mundo editorial (tema que comparte curiosamente con Pàmies).

Do mesmo xeito o realismo de Monzó é matizado e vacilante, como se formase parte dese xogo que quere estabelecer co lector. Nalgunhas ocasións a estampa que nos presenta é surrealista ou pouco comprensíbel, noutros relatos mesmo alúdese á narración de soños que fan entrar en xogo os seus propios simbolismos.

A anteriormente citada estrutura do libro presenta a súa propia peculiaridade. A primeira parte do mesmo responde a un tipo de relato máis longo e denso. A segunda, corresponde a relatos curtos, cunhas características un tanto diverxentes en relación aos primeiros, xa que se moven nas inmediacións do microrrelato, e comparten con ese xénero oscilante, a súa natureza de pequenas pinceladas, xogos metaliterarios, ou historias que traballan un breve argumento orientado a un desenlace que evidencia un absurdo sempre presente. Se cadra este último elemento sexa o máis característico das mesmas. Tamén os seus escenarios son máis diversos, aínda que teñan sempre de fondo a idea dun sensentido profundamente urbano e relacionado coa dinámica de traballo e relacionamento das grandes cidades.

En definitiva, dúas oportunidades feitas unha de tomarlle o pulso á literatura catalá actual. Se as prediccións feitas máis arriba son atinadas, podemos contar con que esta non será a derradeira vez na Quim Monzó fale galego. Gostariamos, ao mesmo tempo, de poder desfrutar tamén de novas entregas de Pàmies, con independencia do seu peso concreto nos medios de comunicación estatais.


4,5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: