Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
BUSCA DEBILITAR A HAMAS E PRESIONAR A EXIPTO

Israel intensificou a súa ofensiva este domingo

Aínda que Olmert asegurou este domingo que "a operación militar" case acadou os seus obxectivos, outras fontes indican que os ataques continuarán.

Redacción - 13:00 11/01/2009

Nas últimas horas, Israel cumpriu a súa ameaza de intensificar a súa ofensiva sobre a franxa, tal como advertiu o sábado nunha choiva de panfletos lanzados sobre a poboación civil, con violentos bombardeos desde primeiras horas da madrugada deste domingo. A intensidade destes últimos bombardeos parece confirmar que Israel comezou a terceira fase da súa campaña militar.

Despois de máis de dúas semanas de ofensiva militar sobre Gaza, o primeiro ministro israelí, Ehud Olmert, asegurou este domingo que o Exército case logrou os obxectivos da súa operación Chumbo Fundido na franxa palestina. Porén, a ministra de Relacións Exteriores israelí, Tzipi Livni, rexeitou precisar un calendario da duración das operacións militares israelís na franxa de Gaza, ao estimar que o seu país primeiro debe alcanzar os seus obxectivos. "Non estamos buscando volver ocupar Gaza pero necesitamos ver que alcanzamos os nosos obxectivos", declarou Livni nunha entrevista ao xornal Washington Post. "Ao fin de contas, trátase dunha guerra contra o terrorismo. Non pedimos á comunidade internacional que se unha á nosa loita. Pedímoslle que nos entenda e que nos dea tempo", dixo Livni.

Segundo o diario Haaretz, Israel continuará a operación para presionar a Exipto para que acepte forzas internacionais na súa fronteira con Gaza, furada por decenas de túneles subterráneos polos que entran de contrabando bens de primeira necesidade e armas. O Cairo, o principal mediador na actual crise, considera esta posibilidade un golpe á súa soberanía. Os altos mandos militares de Tel-Aviv coinciden en considerar un erro estratéxico deter agora as hostilidades, no canto de profundizar o seu golpe a Hamás, cuxo brazo armado perdeu uns trescentos homes nos bombardeos e combates, segundo un deles.

860 mortos palestinos e 15 israelís
Pero o certo é que os ataques continúan e o número de mortos crece. Un tanque israelí abriu fogo e matou hoxe a oito membros dunha mesma familia na localidade de Yebalia, no norte de Gaza, informaron fontes médicas locais. As vítimas, todas elas civís, súmanse ás quince persoas, entre elas outros sete civís, que morreron no medio cento bombardeos israelís rexistrados desde esta madrugada na Faixa.

Despois dos últimos ataques, unhas 860 persoas morreron -máis dunha cuarta parte civís- e máis de 3.500 foron feridas en Gaza ao entrar na súa terceira semana a operación militar de Israel na faixa palestina. Entre civís e militares, uns quince israelís morreron e centos foron feridos polo lanzamento sobre Israel de foguetes dos grupos armados de Gaza e os enfrontamentos entre combatentes de ambas partes no interior da faixa.


1/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: