Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Por 300 euros ao mes, en barcos galegos

As horas de traballo, "as que marque o capitán"

A CIG volveu denunciar, con nova documentación, as empresas que contratan mariñeiros indonesios. Tamén criticou o Goberno pola súa pasividade.

Redacción - 19:15 13/01/2009
Xabier Aboi e Xesús García Couso ofreceron unha conferencia de prensa para presentar a nova documentación

Xabier Aboi e Xesús García Couso ofreceron unha conferencia de prensa para presentar a nova documentación

O responsábel da CIG-Mar, Xabier Aboi, acompañado do responsábel de negociación colectiva da FGAMT, Xesús García Couso, presentaron esta terza feira nova documentación sobre a situación dos mariñeiros indonesios que traballan en Galiza, que avala as denuncias feitas pola central sindical o pasado mes contra as empresas intermediarias -Spain Total Quality e Crewnova, con sede en Vigo, e Shipping Oriental Services (Shipopesca), con sede en Xove (A Mariña)-.

Ademais, Aboi criticou a Consellaría de Traballo, á Inspección de Traballo, á Consellería de Pesca e á Fiscalía por obviar a grave situación na que se atopan estes traballadores, responsabilizando estas entidades de seren "cómplices" da situación de "escravismo" que soportan estes mariñeiros. O sindicalista criticou ao xefe da Inspección de Traballo da Seguridade Social da Coruña por que se limitou a remitirlle ás inspeccións provinciais a documentación incorporada, xunto á denuncia de CIG-Mar, tal e como lle comunicou ao sindicato o pasado 29 de decembro. Na mesma liña, pediu "dignidade" para o titular de Traballo, Ricardo Varela, apelando ao seu pasado como sindicalista, e demandoulle que cumprise as "ordes" transmitidas polo presidente galego nun acto ante diversos colectivos de inmigrantes na Coruña. Así mesmo, considerou que a conselleira de Pesca, Carme Gallego, tería que "ser cesada" por non ter abordado o tema nin convocado "inmediatamente" a comisión social do Consello Galego da Pesca. Aboi tamén cargou contra a Fiscalía, da que asegurou que "debe estar moi ocupada" ao non actuar neste tema.

Un contrato por 300 euros, que se pode romper en calquera momento
Na conferencia de prensa, a CIG presentou tamén declaracións gravadas dos propios mariñeiros afectados, alén da copia dun contrato asinado por un mariñeiro indonesio e un empregado da empresa mediadora Crewnova, que actuaba en nome dun armador de Ribeira. Nel estabelécese que o salario a percibir polo traballador será de 300 dólares (295 euros) ao mes, unha cifra moi por baixo do salario mínimo que marca a lexislación española, e moi lonxe dos 850 euros que, segundo a sindical, "estas empresas se apresuraron a asegurar que cobraban os mariñeiros asiáticos". No contrato non figura nin a cotización á Seguridade Social nin o aboamento do seguro de accidentes. Polo que respecta ás horas de traballo, lese literalmente que estas han ser "as que marque o capitán" do buque.

Entre as particularidades que aparecen no documento tamén se estabelece un período de tres meses de proba para o mariñeiro. Neste tempo, a empresa reterá o pagamento do salario como "garantía" no caso de que o traballador queira volveu ao seu país ou sexa repatriado. O aboamento deste salario non se fará efectivo até que remate o contrato, neste caso 18 meses. En canto ás cláusulas contractuais, especifícase que poderá ser despedido se ten na súa posesión alcol -sen especificar a cantidade-. Se o capitán considera que o desobedeceu, non percibirá ningún salario e os gastos da viaxe de regreso a Indonesia correrán a cargo do mariñeiro. Ademais, se o traballador sofre un accidente ou enferma durante o período de contrato, a indemnización que lle correspondería podería ser denegada no caso de que houbese algún indicio que xustifique que cometeu unha neglixencia.

"Estes documentos desmontan o que algúns pretenderon asegurar ante os medios", afirmou Xabier Aboi. O responsábel de Mar reiterou que a CIG "non vai ser cómplice, nin meterse nunha guerra entre empresas, nin irlle ás contas aos mariñeiros" e deixou claro que o papel d CIG chegou até aquí: "o Goberno é quen ten que cumprir co seu traballo".

Crewnova replícalle á CIG: ningún indonesio cobra menos que un galego
Un dos socios fundadores da empresa viguesa Crewnova, Fernando Matilla, asegurou, após coñecer as declaracións de Aboi, que os únicos contratos subscritos pola súa compañía son los aqueles que subscribe cos armadores aos que ofrece un servizo de "selección de persoal" en países entre os que figura Indonesia.

Na mesma liña, Matilla garantiu "que todos os tripulantes de barcos que hai no Estado Español, tanto os de bandeira española como estranxeira, están cobrando o mesmo que un traballador de aquí", ao tempo que insistía en que "non existe" ningún mariñeiro contratado pola súa empresa que "non estea cobrando o salario mínimo interprofesional". Todo isto foi asegurado polo empresario, pese a que finalmente matizou que son os armadores os que pagan "directamente no barco" aos mariñeiros, ao tempo que se desvinculaba de calquera pago neste sentido.

O socio fundador deste empresa -á que se refería Aboi ao presentar os documentos do contrato que amosou en conferencia de prensa- , atribuíu, indignado, as acusacións do sindicalista a "ganas de facer dano e de botar merda por riba", e lembrou que hai unhas semanas mantivo un encontro persoal con Aboi no que falaron do documento. Porén, Matilla sinaloulle, naquela altura, "que que tivese un contrato asinado por nós era imposíbel, e que apareza o nome da empresa non é proba de abondo para confirmar a autenticidade do mesmo". Matilla tamén cualificou de "inxustos" os ataques da CIG, ao tempo que salientaba que na súa empresa séntense "tranquilos, así como alleos a estas artimañas".


Ligazóns

5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: