Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A BANCA EN APUROS

A crise arrastra o primeiro banco alemán, o Deutsche Bank

O motor económico xermano rexistrou unhas perdas de preto de 4.800 millóns no último trimestre de 2008, fronte aos 6.500 millóns de beneficio colleitados hai un ano.

Redacción - 10:40 15/01/2009

Alemaña está a sufrir a súa peor recesión dende que rematase a segunda guerra mundial. E a banca está a ser un dos sectores máis afectados, como o demostra a situación que está a atravesar o seu principal representante, o Deutsche Bank. O seu conselleiro delegado, Josef Ackermann anunciou que a entidade sufriu unhas perdas de preto de 4.800 millóns de euros no último trimestre de 2008, o que provocou que pechase o exercicio de 2008 cuns números vermellos de 3.900 millóns de euros.

Nacionalización parcial
Con todo, Ackermann rexeitou a posibilidade de pedir a axuda do fondo estatal creado en outubro para evitar o colapso do sistema financeiro alemán. Non obstante, o grupo recibirá unha inxección de cartos públicos mediante unha operación que xa foi anunciada nos pasados días: os servizos postais alemáns Deutsche Post mercarán o 8% do seu capital de cara a inxectar fondos para que a entidade poida adquirir o banco Postbank. Así, mediante esta operación, o Estado Alemán converterase no propietario da empresa postal que, á súa vez, é o maior accionista da institución financeira. Algúns medios xermanos xa falan de "nacionalización parcial" do banco, unha nomenclatura que xa foi rexeitada polos dirixentes da entidade.

Esta non sería a primeira vez que o goberno alemán intervén no mercado financeiro. Hai unha semana Alemaña asumiu unha participación do 25% en Commerzbank, a segunda entidade de crédito do país, e o goberno xa recoñeceu que está a estudar a entrada no capital do banco Hypo Real Estate, que tivo que ser rescatado no pasado exercicio.

Así recollen a noticia algúns xornais económicos:
. Financial Times: Deutsche Bank in line for annual loss
. Wall Street Journal: Capital: Time Deutsche Raised the Issue


Ligazóns

5/5 (2 votos)