Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
será en xuño deste ano

Pola Base artella candidaturas alternativas para o vindeiro Congreso da CIG

Perciben a central sindical "como unha ferramenta máis ao servizo do BNG", polo que cren preciso un "proceso de transformación".

A. Rodríguez - 19:25 15/01/2009
MpB anuncia que vai propoñer unha candidatura alternativa no Congreso Confederal da CIG

MpB anuncia que vai propoñer unha candidatura alternativa no Congreso Confederal da CIG

As tensións no seo do Movemento pola Base (MpB) continúan. Esta quinta feira, o sector crítico co xeito de actuar de CIG e BNG publicou na súa web (.net) un documento titulado A CIG que Galiza precisa no que deixan clara a súa intención de "promover e artellar listas alternativas" ao vindeiro Congreso Confederal da Central Sindical, que se desenvolverá os días 20 e 21 de xuño deste ano.

Ao parecer, este sector considera que "as organizacións sociais non deben ter como único obxectivo nin final o de nutrir a organización política de militancia", algo que, ao seu ver, está a pasar no nacionalismo galego tamén coas organizacións ecoloxistas e mesmo cos sindicatos, e que, segundo contan, "foi e é determinante para o seu continuo desmembramento, para a súa constante febleza e para o seu incesante desgaste".

Neste sentido, falan da utilización da CIG, unha organización que, ao seu ver, "ten potencialidade para servir á transformación social na nosa nación". Por isto, sinalan, "o seu control pasou a ser unha prioridade urxente para a 'organización do goberno', máis aínda logo da tentativa de asalto ao SLG".

Dende este sector do MpB pensan que no vindeiro Congreso Confederal "está en xogo a supervivencia da CIG como obxecto de liberación nacional e social en si mesmo". Neste sentido, e tal como pasou no seo mesmo do MpB, "cando a Mesa Nacional se viu na obriga de proceder a expulsar da organización as persoas que actuaban en defensa dos intereses do BNG no Goberno, e dos seus intereses persoal, curiosamente todos eles pertencentes á Executiva ou das Secretarías Confederais da CIG", van promover esta candidatura, mais contando con outros sectores dentro da CIG, non vinculados ao seu proxecto político.

"A CIG non é un patrimonio de ninguén en exclusiva, nin dos liberados nin dos integrantes dos organismos"
Segundo lle contou a Vieiros un membro da Mesa Nacional de MpB, decidiron conxuntamente publicar este artigo na web para "explicar un pouco o que aconteceu no seo do Movemento, a partir de explicar o que está a acontecer na CIG". "É algo do que non nos sentimos moi orgullosos, pero hai cousas que pasan así e que se poden ir das mans, que son incontrolábeis, mais que acontecen".

En canto á confección das listas alternativas, o militante de Pola Base sinalou que "o proceso aínda está en marcha, e pensamos contar con máis xente dentro da CIG que non milite no MpB". "Primeiro hai que completar o proceso, e cando estea, farémolo público, pero hai que dicir que a idea non xurdiu dun ámbito concreto, senón de distintas comarcas e federacións por todo o país, e non vai ir máis alá da definición que se recolle neste documento ("a procura da independencia sindical; dun sindicalismo combativo, participativo e non pactista;un sindicalismo do mundo "laboral actual real"; cun posicionamento claro sobre o papel de contra-poder que xoga a fundación para a formación (FORGA) na Central Sindical; e unha Central Sindical que fuxa do actual proceso de centralización case absoluto do poder de decisión en mans dunha parte das persoas que conforman a Executiva e o Secretariado Confederal")", sinalou o militante, ao tempo que destacaba que o proxecto "darase a coñecer cando exista un corpo máis amplo que o apoie, que exceda o Movemento pola Base dunha forma clara".

Para aclarar un bocado o que está a acontecer no seo deste movemento -que hai que ter en conta que tivo a súa orixe no mundo sindical, de onde procedían a maioría dos seus cadros-, este membro da Mesa Nacional empregou como exemplo o que hai meses aconteceu no seu do Sindicato Labrego, "onde unha sección maioritaria tentou quedar co control da organización, mais naquel caso non puido ser; desta volta vai ser ao revés, xa que na CIG o sector maioritario sería o mesmo que foi a oposición no caso do SLG".

"Cando se achega un Congreso, todo o mundo ten intereses por ter representación na Executiva"
Vieiros púxose en contacto co secretario xeral da CIG, Suso Seixo, para coñecer a súa opinión sobre esta posíbel candidatura de aqueles que non están de acordo co rumbo que colleu a organización da que é secretario xeral. Seixo, militante da UPG, sinalou que aínda é cedo para falar do Congreso Confederal da CIG xa que "quedan seis meses, e hai que preparar os relatorios". mais que se estea artellando unha candidatura alternativa "non é raro, o raro sería que non houbese candidaturas alternativas, porque sempre as houbo, e no caso de que non exista xustificación para crealas, invéntase".

En canto ás críticas recibidas dende esta sección de MpB, Suso Seixo sinalou que a CIG "leva tempo traballando nesta liña, e co apoio dunha parte maioritaria dos militantes, e nunca houbo unha discrepancia relevante. Tamén é verdade que cando se achega un Congreso, hai un movemento considerábel, e agora que estamos en perspectivas de preparar o deste ano, aparecen intereses por ter representación na Executiva da Central Sindical, e tamén están no seu dereito. Pero non é un tema que nos preocupe nada", reiterou o secretario xeral da CIG.

Para entender un bocado o que aconteceu no seo do Movemento pola Base:


Ligazóns

4,31/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: