Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
TELECOMUNICACIÓNS

R aumenta beneficios e aspira a potenciar a internet de alta velocidade

Convértese nunha das 25 primeiras empresas do país en facturación. Para 2009 pretende chegar ao 80% da poboación.

Redacción - 12:01 16/01/2009

O operador de telecomunicacións R conseguiu aumentar o seu beneficio neto nun 15,2 por cento no ano 2008, até 14,5 millóns de euros. Os seus ingresos de explotación superaron os 190 millóns de euros, o que sitúa a empresa entre as 25 primeiras do país en facturación nos seus oito anos de vida.

Os ingresos de R debéronse principalmente á área de telefonía fixa, co 51,2 por cento, seguida de internet (28,5%), televisión (11%), datos (4,1%) e móbiles (1,8%). Actualmente poden recibir os servizos de R case 1,4 millóns de persoas e máis de 705 mil locais e fogares.

Ao remate do ano, 70 localidades formaban parte da rede de R. Nese ano, investiu 81 millóns de euros para o despregamento da súa rede en 24 núcleos de poboación e a implantación de dos novos servizos: a telefonía móbil e a televisión dixital interactiva.

O número de clientes de R en 2008 aumentou en 18.500 con respecto ao ano anterior, até case 233 mil. Ademais, o servizo de telefonía móbil, posto en marcha hai só un ano, xa conta con 34.205 liñas activas, o que supuxo que a empresa galega fose o operador con máis crecemento neto de portabilidades no país e o cuarto do Estado Español.

O conselleiro delegado de R, Arturo Dopico, afirmou que a existencia de “novas e modernas redes como a de fibra óptica de R son o incentivo fundamental do uso das novas tecnoloxías”. De feito, onde está presente a compañía a penetración de internet nos fogares acada o 59,2 por cento, moi por riba da media do país e do estado.

Tamén é elevada a velocidade promedio dos clientes de R, que en máis da metade dos accesos chega aos 12 megas, fronte aos 3,4 da media estatal. Ademais, en 2008 iniciouse a oferta de internet a 100 megas en áreas de Lugo, Vigo e A Coruña, que se estenderá ao longo de 2009 ao meirande número posíbel de localidades onde R está presente.

Outro dos obxectivos de cara ao 2009 é chegar ao 60 por cento da poboación de Galiza, estender os accesos de 30 e 100 megas, potenciar os servizos interactivos de televisión e desenvolver novos servizos fixo-móbil. A empresa espera ter uns ingresos de 224,3 millóns e un beneficio de 25,7 millóns en 2009. Tamén aspira a conseguir unha licenza para operar mediante unha rede vía radio cando se poidan conceder, por vez primeira, a nivel galego, de xeito que se poida levar a internet ás zonas máis dispersas e afastadas.


4.86/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: