Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cambio na Casa Branca

"Non nos podemos permitir a indiferenza cos que sofren fóra das nosas fronteiras"

Barack Hussein Obama xura o seu cargo como 44º presidente dos Estados Unidos de América.

Redacción - 18:35 20/01/2009
Obama xa figura na web da Casa Branca

Obama xa figura na web da Casa Branca

Barack Hussein Obama prestou xuramento como 44º presidente dos Estados Unidos de América pouco despois das 12.05 horas (18.05 horas en Galiza) no marco dos actos que se están levando a cabo nas escalinatas do Capitolio.

"Eu, Barack Hussein Obama, xuro solemnemente cumprir con fidelidade o cargo de presidente dos Estados Unidos de América, e facer todo o que estea ao meu alcance para preservar, protexer e defender a constitución dos Estados Unidos de América. Coa axuda de Deus", afirmou.

O seu discurso centrouse como se agardaba na crise económica, e fixo varios chamamentos á unidade para saír dela. "Cómpre erquerse, sacudírmosnos o po e reconstruír América", sinalou o presidente estadounidense durante a súa intervención.

Diversidade e mundo musulmán
Obama, que fixo referencia a Deus en numerosas ocasións, tamén se lembrou dos "non crentes", algo pouco inusual. "Somos unha nación de cristiáns e musulmáns, xudeus e hindús -e non crentes", afirmou, salientando a diversidade do país e do mundo: "A medida que o mundo se fai máis pequeno, a nosa humanidade común revelarase".

"Ao mundo musulmán, procuramos unha nova vía, baseada nos intereses e o respecto mutuos. A aqueles líderes mundiais que tentan sementar conflitos, ou culpar Occidente dos males das súas sociedades -sabede que o voso pobo vos xulgará polo que poidades construír, non polo que destruades", advertiu en clave internacional.

Pobreza no mundo e medio ambiente
"Ás xentes da nacións pobres, prometemos traballar ao voso carón para facer que as vosas granxas prosperen e para permitir que a auga limpa flúa; nutrir corpos famélicos e alimentar mentes ávidas.

"E a aquelas nacións que gozan como a nosa de relativa plenitude, dicimos que non nos podemos permitir ser indiferentes cos que sofren fóra das nosas fronteiras; nin consumir os recursos do mundo sen importarnos o seu efecto. Porque o mundo cambiou, e cómpre que nós cambiemos con el".

Orixe
Como non podía ser doutro xeito, Obama non esqueceu as súas orixes: "Este é o significado da nosa liberdade e do noso credo (...) -que un home cun pai que hai menos de 60 anos non podía ser servido nunha taberna, agora poida estar diante vosa facendo un xuramento sagrado".


Ligazóns

5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: