Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Une colectivos sociais e Concellos

Constituida a plataforma pola defensa da Ribeira Sacra

Impedir a realización dos proxectos hidroeléctricos de Iberdrola e Unión Fenosa no Sil e no Miño é o obxectivo inmediato desta nova rede social.

Varios - 09:00 22/01/2009
Tags:

Co obxectivo de que non se constrúan os novos proxectos hidroeléctricos no río Sil e no Miño promovidos polas empresas Iberdrola e Unión Fenosa, varias asociacións e institucións preocupadas polo futuro inmediato da Ribeira Sacra deciden unir esforzos para defender esta terra interior na que o seu principal valor económico é o viño e o seu principal valor turístico é a paisaxe.

Os proxectos de ampliación das turbinas dos encoros de Os Peares, Belesar, Santa Cristina, Santo Estevo e San Pedro de Ribas de Sil supoñen unha agresión inadmisible ao patrimonio natural da Ribeira Sacra e ademais van paralizar un dos principais atractivos turísticos da zona como son os catamaráns turísticos. Está previsto que as obras destes encoros teñan unha grande duración (de 5 a 7 anos) o que suporá sen dúbida un gran atranco para o turismo sustentábel e a economía da zona. O inicio antes de tempo e sen as autorizacións pertinentes das obras en Santo Estevo de Ribas de Sil, no proxecto denominado Santo Estevo II, amosan o que Iberdrola e Unión Fenosa proxectan para o Sil e o Miño: maximizar os seus beneficios, deixando os impactos ambientais e socioeconómicos para os habitantes da Ribeira Sacra. A xeración de miles de metros cúbicos de cascallos no interior dunha área protexida pola Rede Natura, no caso dos canóns do Sil, e próxima a formar parte dela, caso do canón do Miño, teñen un impacto ambiental imnasumíbel e minimizado sistemáticamente nos Estudos de Impacto Ambiental pagados por Iberdrola e Fenosa.

Os colectivos pertencentes á Plataforma pola Defensa da Ribeira Sacra realizarán actividades informativas e revindicativas para salvar este valioso patrimonio natural e convidan a outras asociacións e institucións a colaborar na defensa do medio ambiente da Ribeira Sacra. Asemade, esiximos a retirada dos proxectos de novas centrais hidroeléctricas na Ribeira Sacra pola súa insustentabilidade manifesta.

Asinan: Asociación Cultural O Castro (Pantón), Asociación Cultural Xastreu (Castro Caldelas), Asociación de Veciños Anacos da Cidade (Ourense), Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Concello de Chantada, Concello de Monforte de Lemos, Concello da Pobra de Brollón, Federación Galega de Turismo Rural (FEGATUR), Fundación Xermán Estévez, LUGOSUR (Asociación de Turismo Rural da Ribeira Sacra e O Courel), TURISACRA (Asociación Empresarial de Turismo Rural da Ribeira Sacra).
___________________________________________
Achegámosvos o Manifesto Fundacional da Plataforma:
A Ribeira Sacra, xaneiro de 2009. Os colectivos abaixo asinantes constitúen a Plataforma pola Defensa da Ribeira Sacra co obxectivo de conservar o patrimonio natural desta zona e amosar o total rexeitamento aos proxectos de ampliación dos encoros no río Miño e Sil. En concreto os proxectos de novas turbinas de Santo Estevo II, Santa Cristina, San Pedro e os proxectos de bombeo de Iberdrola en Parada do Sil e, de Unión Fenosa denominados Os Peares III e Belesar III, contan co noso total rexeitamento e oposición. O motivo deste rexeitamento é o elevado impacto ambiental dunha zona protexida pola Rede Natura 2000, nos Canóns do Sil, e máis outra a piques de ser declarada Rede Natura na ribeira do Miño. Estas obras xenerarán grandes cantidades de escombros con voladuras frecuentes, apertura de pistas de acceso e máis liñas de alta tensión que teñen un carácter manifestamente incompatible coa protección ambiental da Ribeira Sacra. Ademais existen consecuencias económicas importantes destes proxectos na afectación ás infraestructuras turísticas da Ribeira Sacra que chegarán a paralizar o turismo na zona nun periodo de tempo de entre 5 e 7 anos, debido ao longo periodo de execución destas obras e á necesidade do baleirado dos encoros que afectarán enormemente aos catamaráns turísticos. Esta plataforma constitúese para solicitar a retirada dos proxectos de ampliación dos encoros, recoller información acerca dos valores naturais da zona para a realización de alegacións, realizar tarefas informativas sobre estes proxectos e pedir a paralización do único proxecto aprobado até o momento Santo Estevo II. Neste ánimo e coa defensa da Ribeira Sacra, do seu patrimonio natural e cultural desenvolveremos iniciativas para que se protexa un dos espazos máis característicos do interior galego no que a súa paisaxe constitúe un recurso de primeira orde.

Asociación Cultural O Castro (Pantón), Asociación Cultural Xastreu (Castro Caldelas), Asociación de Veciños Anacos da Cidade (Ourense), Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Concello de Chantada, Concello de Monforte de Lemos, Concello da Pobra de Brollón, Federación Galega de Turismo Rural (FEGATUR), Fundación Xermán Estévez,  Lugosur (Asociación de Turismo Rural da Ribeira Sacra e O Courel), Turisacra (Asociación Empresarial de Turismo Rural da Ribeira Sacra)


4.6/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: