Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
DO 1 DE FEBREIRO AO 15 DE MARZO

Portugal e o amor, protagonistas do Salón do Libro de Pontevedra

Fina Casalderrey será a autora homenaxeada este ano no encontro de litratura infantil e xuvenil.

Redacción - 09:30 23/01/2009

Os cambios máis salientables son quizáis que esta décima edición se estende até o 15 de marzo, aínda que as actividades máis importantes se concentrarán entre o 1 e o 14 de febreiro. E tamén a escolla do 'amor' como fío condutor das actividades, e de Portugal como país convidado.

Ademais de Fina Casalderrey, autora homenaxeada nesta edición, participarán outros escritores e expertos, tanto nos obradoiros como en conferencias. Por exemplo Manuel Bragado e Agustín Fernández Paz, que o 2 de febreiro falarán sobre Lectura e literacidade electrónica. O papel dos blogs. Participarán tamén Manuel Forcadela (3 de febreiro), Sechu Sende e Carlos Santiago (5 de febreiro), Anxos Sumai (4 de febreiro), Teresa Moure (5 de febreiro).

Os días 13 e 14 de febreiro a Banda Deseñada será a protagonista, coa participación de creadores recoñecidos, como Jacobo Fernández, Miguel Rocha e Max. E tamén haberá música, cos concertos de Milladoiro, Mafalda Arnauth e Laura Amado (o 7 de febreiro) e Mamá Cabra e Susa Herrera (14 de febreiro).

O país convidado, Portugal, estará presente a través da exposición ‘Ilustrações.pt', e de escritores e conferenciantes como João Pedro Messeder. Final Casalderrey, pola súa banda, será a autora homenaxeada, pola súa calidade literaria pero tamén por ser dende o comezo "unha grande colaboradora e embaixadora do Salón", como sinalou Helena Torres.

Outras actividades
‘Un día en Pontevedra' é unha das actividades que se estrean nesta edición, e que conta coa colaboración da Fundación Caixa Galicia, a Fundación Caixanova e o Museo Provincial. Trátase dun itinerario ideado para que os escolares de fóra da provincia de Pontevedra -serán 20 os centros participantes-, desfruten dun día en Pontevedra, visitando as exposicións das entidades colaboradoras, ademais do Salón do Libro.

‘Amor polas aulas' será o título baixo o que as paredes da sala de exposicións do Pazo da Cultura exhibirán os traballos realizados por centros de ensino Infantil, Primaria e Secundaria da bisbarra. Poderán verse tamén as propostas que arredor do tema do Amor realizarán Teatro Quartoescuro, alumnos da Facultade de Belas Artes e da Escola de Canteiros e a Escola de Tempo Libre Paspallás. Obradoiros para nenos e maiores, contacontos, concertos, teatro, conferencias, encontros e mesas redondas son outras das actividades que conforman o programa do X Salón do Libro. A Banda Deseñada e as novas tecnoloxías da comunicación na súa relación coa Literatura serán os temas que centren eses actos.

Consulta o programa do Salón (.pdf)


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: