Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
En conversas de paz

O líder rebelde 'tutsi' Nkunda cae na trampa do presidente do Congo

Tropas ruandesas detivérono esta quinta feira no marco dunha operación conxunta coas congolesas, en principio dirixida contra a guerrilla hutu do FDLR.

Fernando Arrizado - 10:30 23/01/2009

Tropas ruandesas detiveron esta quinta feira o líder tutsi congolés Laurent Nkunda no marco dunha operación militar conxunta sen precedentes de Ruanda e a República Democrática do Congo.

O líder do Congreso Nacional en Defensa do Pobo (CNDP), que curiosamente apoiaba encubertamente o goberno ruandés, accedera en novembro a participar nun proceso de paz patrocinado pola ONU, logo de fustrigar durante semanas o goberno de Joseph Kabila, o que acusaban de amparar as milicias hutu ruandesas que participaron no xenocidio dos 90.

Precisamente contra esta guerrilla, as Forzas Democráticas de Liberación de Ruanda (FDLR), foi contra quen se lanzou a misión este martes, mesmo co permiso presidencial para entrar en territorio congolés, e teoricamente co fin último de pacificar a rexión dos Grandes Lagos.

Analistas internacionais salientaran o risco político que supoñía para Kabila este movemento, mais o resultado final non podería ser mellor para os seus intereses.

Disidencia
Cómpre salientar que un grupo de comandantes rebeldes disidentes desafiaron o liderado de Nkunda no CNDP -en plenas negociacións- a semana pasada, instando os subordinados deste a se desarmaren e integraren no Exército regular congolés.

"O ex xeral Laurent Nkunda foi detido o 22 de xaneiro ás 22.30 horas mentres fuxía en territorio ruandés logo de se resistir ás nosas tropas en Bunagana con tres batallóns", dixeron comandantes militares nun comunicado. Un ministro congolés informou que pedirán a Ruanda a súa extradición.

Máis de cinco millóns de congoleses morreron como consecuencia da violencia étnica e os enfrontamentos bélicos dende 1998, atrasando ademais o desenvolvemento desta ex colonia belga, rica en minerais como o cobre, o cobalto, o ouro e o uranio.


4.82/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: