Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Cristina Gomis Parada

"Todas as linguas parten dunha situación semellante á nosa, agás o inglés"

Entrevista a unha das responsábeis de Tagen Ata, empresa que contribuíu ao desenvolvemento do corrector de linguaxe sexista Exeria.

M. del Río - 12:30 25/01/2009

O pasado luns presentouse Exeria, unha innovadora ferramenta informática, que se integra no paquete ofimático OpenOffice.org para analizar textos e propoñer solucións non sexistas. En principio está especializada en linguaxe administrativa. O nome do software procede dunha personaxe histórica galega, pioneira do século IV. Unha das empresas que interviu na creación de Exeria foi Tagen Ata, da que forma parte Cristina Gomis.

Vieiros: Cal é a traxectoria de Tagen Ata?

Cristina Gomis: Tagen Ata naceu hai case sete anos como unha empresa vinculada ao Software Libre. O seu principal compromiso é a difusión e a mellora do Software Libre, e o seu nexo común é a lingua. Difundimos e creamos ferramentas que lle poden dar un espazo ao galego no ámbito das TIC. Entón, a relación entre as novas tecnoloxías e a lingua é un dos ámbitos de traballo máis importantes para nós. Facemos labores de localización de software, de interacción co texto, proxectos de difusión do Software Libre, difusión social e novas tecnoloxías do ensino en liña do galego. Pretendemos sacarlle ao Software Libre toda a potencialidade para traballar co idioma, e tamén facemos localización e difusión de programas en galego. Estamos en contacto coas persoas usuarias, polo que comprobamos que o feito de que unha aplicación estea en galego dálle un valor á lingua. Hai que unir o positivo das novas tecnoloxías á cuestión do galego.

Como son as relacións entre os diferentes departamentos da empresa?

O traballo da lingua permite formar grupos de traballo transversais, con filólogos, informáticos... A transversabilidade é importante. Hai unha implicación persoal porque é un proxecto con vertente social, é unha cooperativa con participación a diversos niveis. O traballo faise nun nivel de igualdade para que a comunicación sexa efectiva entre as diferentes partes. Isto fai que o coñecemento teña que ser entendíbel e aproveitábel, entre todos, e é complicado filtrar os códigos que usan os filólogos, os informáticos... As persoas lingüistas téñense que achegar ás novas tecnoloxías e as programadoras á lingua. Ampliamos e compartimos o coñecemento entre as persoas integrantes de Tagen Ata.

En que medida contribúen ao desenvolvemento da sociedade da información en Galiza?

Tagen Ata colabora coa difusión da lingua vinculada ao Software Libre. Facemos fincapé en que toda innovación e mellora tense que difundir. As novas tecnoloxías só teñen sentido se se levan á sociedade. É a idea en abstracto do que para nós é importante. Temos experiencia neste campo: analizar o uso das aplicacións e en que redes sociais ten utilidade. Temos tamén unha vertente de traballo social, e o feito de poder introducir innovacións nos centros de ensino. A nosa preocupación polas cuestións de xénero e o que levou a facer Exeria vén por esta implicación social.

Que ten de novidade Exeria?

É Software Libre e interactúa co OpenOffice.org, algo que non facía ningunha das ferramentas semellantes que existían no Estado. Hai interacción gramatical, cunha análise morfolóxica por detrás. Non é unha ferramenta que funcione de xeito liñal, cunha simple correlación de palabras. Imaxin desenvolveu o motor e Tagen Ata as análises morfolóxicas. Os termos proceden do corpus da Administración, da lingua que se emprega a nivel administrativo, con arredor de 40 millóns de palabras. Analizouse a frecuencia de cada termo en sete mil casos, e seleccionáronse os mil máis utilizados. A filtraxe semántica foi a parte máis complicada, porque hai diferentes solucións posíbeis. É importante analizar a relación cos adxectivos, coas contraccións e o seu contexto.

Que criterios seguen á hora de facer traducións de software ou escoller terminoloxía?


Nas novas tecnoloxías xorden moitos termos. Non podemos agardar a que as institucións lingüísticas acepten todos para comezar a usalos. O feito de que uns termos se vaian asentando ou non depende da calidade e da coherencia da tradución. A nosa primeira contribución neste eido foi traducir o escritorio Gnome 2.16. O labor terminolóxico é moi importante. Cada aplicación é un mundo, por iso é importante facer unha investigación terminolóxica, onde tamén hai unha parte filolóxica e de análise dos usos dese termo, que se pode traducir ou non, como o caso de 'software'. É un proceso que leva tempo e é custoso, pero a finalidade é que a comunidade se poida aproveitar deste traballo, pola vocación de difusión do Sofware Libre.

Cal é a situación do galego nas novas tecnoloxías?

O índice de saúde dunha lingua nas novas tecnoloxías mídese polo número de persoas que colaboran nelas. As sociedades que teñen máis dinámica neste eido son as periféricas, como Camboxa ou Sudáfrica. Son as que están a desenvolver esta tecnoloxía, con moito traballo de innovación detrás. Depende da comunidade e de como se articula. En Galiza precísase máis masa crítica, de ámbitos como a universidade, que poden contribuír a enriquecer a comunidade e a distribuír roles, porque agora mesmo hai xente que ten que facer todo. As universidades están moi desvinculadas das novas tecnoloxías e do galego. Todo o traballo que estamos a facer levounos a desenvolver correctores, tradutores e ferramentas de tratamento lingüístico a través das novas tecnoloxías. Pero non estamos en situación de desigualdade. Todas as linguas parten dunha situación semellante á nosa, agás o inglés.


4,37/5 (19 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: