Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
As consecuencias máis aló da falla de luz

Varamento múltiple durante o temporal

Dende o venres día 23 de xaneiro ata o luns día 26, a CEMMA leva rexistrados un total de 32 varamentos pertencentes a cinco especies, maioritariamente golfiños.

CEMMA - 20:46 26/01/2009
Golfiño varado

Golfiño varado

Os varamentos rexistráronse dende a Ría de Vigo ata A Coruña, aínda que a maior parte deles, máis do 80%, sitúanse entre Cabo Home e a O Grove. Aínda que na maior parte dos casos tratábanse de golfiños comúns (Delphinus delphis), tamén foron rexistrados: golfiño riscado (Stenella coeruleoalba), caldeirón (Globicephala melas), arroaz boto (Grampus griseus) unha tartaruga de coiro (Dermochelys coriacea) e un lobo mariño cincento (Halichoerus grypus).

A totalidade dos cetáceos apareceron varados mortos, algúns deles presentaban indicios de morte por captura accidental en faenas pesqueiras e noutros casos, dado o seu estado de descomposición, non foi posible a identificación da causa da morte.

Desde o ano 1999 a Coordinadora para o Estudio dos mamíferos Mariños, (CEMMA) é a entidade responsable diante da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia do rexistro, asistencia, recuperación e liberación das tartarugas e mamíferos mariños varados ou capturados accidentalmente por interacción con artes de pesca. Este traballo atópase enmarcado na colaboración que ambas entidades levan adiante para o establecemento da Rede de Varamentos de Galicia coordinada pola CEMMA.

Varamento múltiple

As primeiras valoracións indican que este varamento débese á intensidade do temporal que leva cara a costa os animais que xa están mortos no mar. Este tipo de varamento denomínase múltiple porque trátase de animais que ou son de distintas especies, ou están en diferente grao de descomposición ou non teñen relación algunha entre eles aínda que varen nas mesmas praias ou cercanías. Este alto número de varamentos pode facernos unha idea da alta mortalidade de cetáceos fronte as nosas costas xa que en tres días vararon o 10% da totalidade de varamentos do ano 2008.

Tempada de lobos mariños

Neste momento atopámonos en plena tempada de lobos mariños. Estes exemplares nacen nas augas irlandesas entre setembro e outubro, dispersándose despois do destete, motivo polo cal chegan as costas galegas de xaneiro a marzo. A rede de varamentos portuguesa xa nos advertira da presenza dun lobo mariño hai unhas semanas e posteriormente a CEMAM recolleu un lobo mariño na costa da Coruña hai unha semana, que se atopa nestes momentos ren recuperación. A aparición dun exemplar varado morto en Cangas confírmanos esta hipótese.

Unidade especializada

A Unidade Móbil da CEMMA está preparada para a recollida de datos e mostras biolóxicas dos animais varados, co obxecto de esclarecer a causa da morte. Un equipo de biólogos, que esta semana chegou a ser de dez persoas, asisten aos casos de varamentos tratando de rexistralos todos e esclarecer as causas da morte.

Colaboración cidadá
Resulta fundamental a colaboración cidadá para a detección e a análise destes animais xa que a nosa costa ten un total de 1195 km de lonxitude e resulta imposible ser controlada polos nosos propios equipos. Hai que agradecer a colaboración das agrupacións de Protección civil e das Policías locais que transladan os avisos.

Os avisos de varamentos poden realizarse a través do teléfono de emerxencias SOS-GALICIA 112 ou ben á Unidade Móbil da CEMMA: 686 98 90 08. Estes avisos son moi importantes no caso de lobos mariños con vida pois a atención inmediata é indispensable para a sobrevivencia do animal.


4,8/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: