Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
'BANDA CURTA' ESTRÉASE ESTE SÁBADO

A música regresa, unha década despois, á TVG

O programa, presentado por Luís Pardo, ofrecerá actuacións de bandas ao vivo, comezando por The Blows e os granadinos Lori Meyers.

Marcos S. Pérez - 13:45 27/01/2009

No ano 2000 deixou de emitirse Chambo, o programa de música da TVG conducido por unha novísima Belén Regueira.  Chambo (ou Clipmanía) foron espazos nos que a (cativa) escena musical galega de finais dos noventa (The Easytones, Fame Neghra...) amosou as súas cancións, compartindo espazo con bandas estatais do momento, como Dover, dos que sempre se recordará a súa desastrosa actuación en Chambo, moi superada pola dos Elephant Band dun Xoel López case adolescente.

Tiveron que pasar nove anos para que a TVG decidise poñer en marcha de novo un formato musical con actuacións ao vivo. Cinco anos con gobernos do PP e outros catro cun goberno bipartito do que sempre se esperou que entre os cambios que levaría á TVG estaría un programa deste tipo. Banda Curta estrearase o sábado 31 de xaneiro ás catro da tarde coas actuacións de The Blows e Lori Meyers como prato forte. Nas vindeiras semanas veremos tamén os directos de The Homens, Catpeople, Triángulo de Amor Bizarro, Najwa Nimri ou Ruxe-Ruxe.

O programa está presentado polo xornalista da Cadena SER Luís Pardo, que realiza deste xeito a súa primeira experiencia televisiva, e grávase na discoteca LP45 de Ordes, onde se pode asistir como público. Ademais da música ao vivo, o programa incluirá todas as semanas outros contidos fixos; por exemplo analizará o que foi dos grupos nacidos ao abeiro da 'Xeración Xabarín', comezando nesta primeira edición por Heredeiros da Crus. En 'ADN', preguntaranlle a distintas persoas sobre os seus gustos musicais, e este sábado será Luís Piedrahita quen responderá ao cuestionario. Ademais, Banda Curta ofrecerá entrevistas, nesta ocasión ao fotógrafo Janite, e reportaxes; este sábado visitará a parroquia de Don Ramiro, en Lalín, a aldea máis punki de Galiza, de onde saíron Motor Perkins, Skarmento, Última Sacudida ou Tiro na Testa. Finalmente, o programa emprestará unha atención particular ás novas bandas galegas, por exemplo as que forman parte da Rede Galega de Locais de Ensaio, como Agoraphobia, de Boiro, que terán o seu espazo este sábado.

Un espazo na televisión para a nova escena galega
Belén Regueira cre que o programa "non fará milagres pero axudará a darlles máis visibilidade aos grupos, a crear ou consolidar público e a demostrar a variedade e a modernidade da creación musical en Galicia". De igual xeito, para Martiño (The Homens), "moita xente vai poder saber como soa un grupo en directo e decidir se lles merece a pena ilos ver a un concerto". Pola súa banda, Carlos Valcárcel (Projecto Mourente) destaca a importancia do horario no que se emitirá o programa, que lle pode dar unha gran relevancia e seguimento.

Segundo Grandío (ex Siniestro Total e responsábel do estudio de gravación Casa de Tolos) encárgase do son das actuacións ao vivo. Martiño, de The Homens (dos que poderemos ver a súa actuación o 14 de febreiro) salienta que "unha das mellores cousas que vai ter este programa é un gran son directo; Segundo Grandío vai facer un gran traballo neste aspecto, que moitas veces é ao que menos se presta atención na tele".

Belen Regueira destaca que o programa tamén "fará algo" pola TVG: "incorporar novo público e público novo, por mudar a imaxe pública da canle e por cuestionar o mito 'telegaita'. Creo que tanto a "escena" galega como a TVG gañan lexitimidade co programa, unha porque confirmará que existe ao aparecer na tele; a outra, porque demostrará que cumpre coas súas obrigas como altofalante da creación cultural do país". Neste sentido, Alfonso Pato, á hora de falar das expectativas do programa, prefire falar de 'público' no canto de 'audiencia' e concorda con Belén Regueira en que o espazo pode atraer á TVG a televidentes que até o de agora non conectaban coa cadea.

Nove anos de silencio
Por que custou tanto poñer en marcha un formato musical na TVG? "Supoño que nos cálculos que facían os directivos da tele non compensaba o que custa un programa destes coa audiencia que eles supoñen que terá. Pero eu entendo que se unha tele pública a pagamos entre todos será para que emitan cousas de calidade e non só forralla", di o cantante de The Homens. Belén Regueira cre que puido influír "o descoñecemento ou a desconfianza sobre a dimensión real da cultura rock en Galicia", pero tamén apunta que "a xente nova cada vez ve menos televisión, e menos televisión xeralista, así que igual todos, e tamén a TVG, temos que empezar a facernos outras preguntas". Unha pregunta para o futuro.


4,9/5 (40 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Cabeceira de 'Banda Curta'

Elephant Band en Chambo en 1998, cun novísimo Xoel López

Actuación de 'The Easytones' en Chambo en 1999

O xornalista Luís Pardo, presentador de 'Banda Curta'
O xornalista Luís Pardo, presentador de 'Banda Curta'