Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
ESGRIMA

O zunido dos floretes acala estes días os berros do mar

Esta fin de semana estáse disputando na Coruña a 16ª edición da Copa do Mundo que leva o nome da cidade e acolle a moitos dos mellores co florete na man.

Redacción - 09:00 31/01/2009
79 espadachíns loitarán por levar a réplica da torre de hércules para a casa

79 espadachíns loitarán por levar a réplica da torre de hércules para a casa

A Coruña recibe este sábado a algún dos mellores floretes do mundo. Como esta frase non ten moita traza soa, antes de falar da Copa do Mundo masculina que leva por nome Cidade da Coruña compre explicar en que consiste o florete, unha das tres disciplinas que compoñen a esgrima. Este deporte de loita debe o seu nome á arma que se emprega, un aparello que pesa medio quilo e mide máis dun metro. Nun enfrontamento de florete os contrincantes tratan de sumar a maior cantidade de puntos posíbeis tocando coa punta da súa arma no tronco do seu rival, mais nunca na cabeza ou extremidades.

Fai xa máis de tres lustros que este na Coruña decidiron crear un torneo para que a xente leara cos floretes e este ano o torneo Cidade da Coruña cumpre 16 anos, consolidado como un punto de encontro entre os afeccionados a este deporte. O campionato recibe este ano a 79 combatentes, chegados de 15 federacións diferentes. Até o pavillón da Sagrada Familia chegará o francés Erwan Le Pechoux, número catro do mundo, ou o polaco Radoslaw Glonek, número 15. O torneo Cidade da Coruña é unha das nove copas do mundo que organiza a federación internacional neste 2009, e a única que se vai celebrar no estado español. A competición comeza ás 9.30 horas do sábado e prolongarase até o domingo, cando está prevista a celebración da final ás dúas da tarde.

Boa participación galega
Ademais dos afeccionados que se achegarán até o pavillón da Sagrada Familia haberá cinco espadachíns galegos. No que hai postas máis esperanzas é no coruñés Ignacio Rodríguez, que aos seus 28 anos está situado no lugar 131 na listaxe mundial. Ademais de Rodríguez competirán Diego Dequidt, de 25 anos e situado no lugar 575 do mundo; Xosé Manuel Fernández, que con 20 anos ocupa a posición 576 da listaxe; Emilio Rilo, de 30 anos; e Miguel Souto, que ten só 20 anos.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: