Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
'PORTAS DE LUZ' NO CGAC

A arte galega non naceu en 'Atlántica'

A exposición, que se inaugurou este venres, percorre a arte galega da década dos setenta: dende o cine, á plástica, pasando pola literatura.

Marcos S. Pérez - 09:30 01/02/2009

Cando todo comezou as cousas xa viñan de antes, escribe Alberto González Alegre no texto que abre o catálogo da exposición Portas de Luz, que dende esta semana e até o 3 de maio se poderá visitar no Centro Galego de Arte Contemporánea. Os artistas galegos non agardaron a que morrese o ditador para comezar a crear con liberdade. "Cando Atlántica arrancaba en Baiona, verán de 1980, cumpríanse dez anos da inauguración do Museo Carlos Maside en Sada, que, ao cabo, perseguía finalidades con moito de común. Con Pólvora e Magnolias ou Xoguetes para un tempo prohibido foran editados tres e cinco anos antes, antes e non despois, respectivamente, desa que temos como data inaugural", escribe González Alegre.

Dende todos os ámbitos artísticos e dende distintos lugares do país, un conxunto de creadores, como Rafael Baixeras, Ignacio Basallo, Fernando Casás, Elena Colmeiro, Isaac Díaz Pardo, Antón Goyanes, Ánxel Huete, Acisclo Manzano, Quintana Martelo, Antón Patiño, Rompente, Reimundo Patiño, Sisga, Pepe Barro, Alberto Baltar, César Portela ou Vázquez Molezún, dedícase a crear. De xeito illado, sen vontade de construír un colectivo xeracional: "xuntábanse todos no mesmo bar, pero a maldita arte imponse", di González Alegre. As creacións destes autores non callan apenas en marcas culturais, como si callaron despois nos anos oitenta, pero abriron, como na obra de Lodeiro, en 'portas de luz'. O seu mundo xa era brillante antes de 1975, e a morte do tirano non se fixou nas súas obras dunha maneira recoñecíbel, como si o fixo na meirande parte dos demais ámbitos sociais: "o 21 de novembro saímos á rúa con frautas en Santiago; o mundo cambiara, pero iso non se ve de xeito tan claro na arte".

Unha achega global
Portas de Luz pretende ser "unha inundación e non unha enciclopedia", di o comisario da mostra, salientando o subtítulo da mostra (a mención á 'achega'), como o verdadeiro obxectivo da exposición: dar unha visión global e condensada de toda unha década. "O máis complicado foi facer a selección do que queríamos e podíamos meter e o que tiñamos que deixar fóra; até que me convencín de que isto era en certa forma como un exame no que che esixen falar de Kant nunha hora; isto é: contar unha década nunha hora". Pola súa banda, Manuel Olveira salientou a importancia daqueles anos como alicerce do presente: "somos hoxe o que foi un desexo daquela".

En certa forma estaban lastrados de maneira estrutural polas dificultades xeradas pola condición periférica de Galiza (e de todo o Estado Español, en realidade), estes autores venceron as dificultade para producir obras na primeira liña da arte: "por un lado gañábase na ausencia de tantas dependencias estéticas, aínda que se perdían moitas influencias positivas, pero aquí o que andou espelido, andouno de medo", di González Alegre, salientando a actividade de Huete, Quintana Martelo ou Moldes fóra de Galiza.

Un consello de expertos en cada disciplina
Son trescentos elementos: cadros, esculturas, deseños arquitectónicos, filmes en Super8, carteis, fotografías, portadas de Teima ou A Nosa Terra, poemas... No deseño da mostra participou un consello asesor, formado por expertos en distintas disciplinas, que ademais de tomar parte na selección das obras expostas, se encargaron de redactar cada un unha parte do catálogo: Xosé María Álvarez Cáccamo (literatura), Margarita Ledo (cine), Fernando Agrasar (arquitectura), Pepe Barro (deseño gráfico), Carlos Biscainho e Damián Villalain (artes escénicas), Carmen Panero (feminismo), Rosa Fernández (música) e Julio Prada (cambio social e político).

A cultura, a arte, contribuíron a rachar coa ditadura, o mesmo que a política. "Sen dúbida a vontade do poder era a de que Galicia se mantivese ancorada nas súas tradicións seculares, inmersa nunha política cultural anacrónica e folclorizante con portas e fiestras a chave e tranca", lemos no catálogo, que se pecha afirmando que "pasaron cousas nestas rúas do vento ceibe e nestas portas de luz que ficaron para sempre abertas polo empeño decisivo daqueles que tiraron para adiante nos difíciles anos setenta".


4.18/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: