Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
GALIZA2009

Quintana: “Convertemos a Xunta nun dos gobernos europeos máis comprometidos coa igualdade”

O líder nacionalista protagonizou canda Carme Adán, Ana Pontón e Teresa Táboas o Acto Nacional da Igualdade do BNG.

Redacción - 16:00 31/01/2009

O BNG celebrou este sábado un dos primeiros “actos fortes” da precampaña. Arredor de 1.200 persoas procedentes de diferentes bisbarras do país, na súa práctica totalidade mulleres, acudiron ao Pavillón do Sar ao Acto Nacional da Igualdade do Bloque. Carme Adán, Ana Pontón, Teresa Táboas e Anxo Quintana foron os encargados de dirixirse ao público que ateigaba unha das salas do recinto compostelán.

O líder nacionalista asegurou que o nacionalismo é “igualdade entre as persoas e os pobos”, por iso sinalou que para o BNG son prioritarias todas aquelas políticas que sirvan para remataren coas diferenzas entre homes e mulleres. Quintana non dubidou en afirmar que, logo de catro anos no Goberno: “Convertemos á Xunta nun dos gobernos europeos máis comprometidos coa igualdade”.

En canto ás promesas electorais, o máximo dirixente da organización frontista asegurou que queren poñer en marcha un “complemento autonómico” no subsidio dos desempregados: “Este complemento beneficiará máis de 42 mil mulleres que precisan un esforzo suplementar, porque as mulleres tamén padecen máis o paro que os homes”.

A secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, abrira previamente o acto cunha intervención breve, pero fondamente reivindicativa, na que asegurou que: “Temos a forza das mulleres que pariron de pe nas conserveiras, ou teceron redes nos peiraos de Galiza. Coa vosa forza iniciamos un camiño hai tres anos para favorecer o acceso ao traballo e contribuír á eliminación da violencia”. Tamén salientou o notábel papel de concienciación e asesoramento que nos últimos meses desenvolveron os equipos de igualdade que se puxeron en marcha nalgunhas oficinas comarcais de I+B.


4,25/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: