Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
necesidade de renovación

Termina o FSM en Belém "cunha sensación de frustración"

Os participantes pensan que deberían ter máis que dicirlle ao mundo, procurando, ao tempo, máis protagonismo dos movementos sociais ante a forza das ONG.

Redacción - 14:15 02/02/2009
Durante a xuntanza das comunidades indíxenas co ministro de Xustiza brasileiro, Tarso Genro / Imaxe: Agência Brasil

Durante a xuntanza das comunidades indíxenas co ministro de Xustiza brasileiro, Tarso Genro / Imaxe: Agência Brasil

O Foro Social Mundial (FSM) pechou en Belém do Pará, a capital da Amazonia, este domingo, cunha sensación xeneralizada de poder ter feito máis.

O sociólogo Emir Sader foi o que empregou a palabra "frustración" para avaliar o resultado dunha semana de debates na procura de alternativas á situación mundial. "Hai un certo sentimento de frustración en relación ao que o Foro podería dicirlle ao mundo, pero parece que está virando en falso", apuntou, sinalando, mais unha vez e como xa se dixera no día de inauguración, que o FSM precisa renovarse.

"As ONGs non poden ser o paradigma de outro mundo posíbel"
Sader tamén criticou a excesiva presenza de organizacións non gobernamentais (ONG) en detrimento dos movementos sociais: "Onde están as masas nas rúas mobilizadas polas ONG? Quen fai o Foro son os movementos populares, as ONG teñen o seu lugar, pero o protagonismo debera ser destes", subliñou o sociólogo, quen defende a integración das experiencias altermundistas reais nos debates, mesmo a participación de distintos gobernos. "Evo Morales non debería ter vido só para participar na xuntanza cos outros presidentes; debería ter vido para amosar as experiencias que Bolivia está a vivir co réxime democrático máis lexitimado de América Latina", avaliou.

Unha mudanza do FSM que deixe un lugar para os gobernos?
A mudanza proposta no seo do FSM pasaría por ofrecerlles un anaquiño aos gobernos, para que participen del. Así o sinalou tamén o sociólogo e membro do Consello Internacional do Foro, Cândido Grzybovski , mais falando de delimitar a súa participación: "Non debemos darlles as costas aos gobernos. A cidadanía nunca o fixo, xa que sempre votou, somos nós os que lles damos o poder. Pero aquí, no noso evento, no noso territorio, eles teñen que someterse ás nosas regras, á nosa lóxica", sinalou.

Neste sentido, Grzybovski defendeu a Carta de Principios do FSM, formulada en2001, segundo a cal os gobernantes e os partidos políticos non son parte deste evento. Porén, o membro do Consello Internacional do encontro si dixo que o FSM está aberto a recibir a políticos e gobernos, "mesmo para ver as accións que demandou neste lugar a sociedade civil". "Este é un evento de cidadanía. Nós podemos traelos para ver se eles son responsábeis nos mandatos que lles conferimos. Ese foi, mesmo, o sentido do acto que fixemos cos presidentes", afirmou, en referencia ao debate realizado na última quinta feira (29), no FSM, entre os presidentes Luiz Inácio Lula da Silva (Brasil), Hugo Chávez (Venezuela), Fernando Lugo (Paraguai), Rafael Correa (Ecuador) e Evo Morales (Bolivia).

"Novas aspiracións para buscar outro mundo posíbel"
Finalmente, despois de seis días de programación, o noveno FSM pechou as súas portas con novas "aspiracións para buscar un outro mundo posíbel", tamén segundo Grzybovski, quen viu neste foro un marco para falar da crise que, no outro lado do mundo, "soterraba " o Foro de Davos. "Ocupamos un enorme baleiro na axenda mundial", sentenciou.

O número de participantes superou as previsións da organización, chegando a 133 mil persoas. Entre eles os case milleiro e medio de quilombolas e os case dous mil indíxenas, que formaron a maior representación destes colectivos en todas as edicións. De feito, este ano os pobos da Amazonia e as comunidades tradicionais tiveron unha importante representación. "Somos actores políticos vivos, non somos a parte folclórica da democracia", sinalou o representante dos líderes indíxenas, o peruano Mario Palacios, quen anunciou a realización do quinto Foro Social Mundial Pan-Amazónico, un evento aprobado en asemblea na mañá do domingo.

Retos para os anos vindeiros
En 2010, o Foro Social Mundial estará descentralizado, sen ter unha soa cidade como sede. Para 2011, África e Oriente Medio son os probábeis candidatos, mais os EUA tamén poden estar na listaxe.

Ademais de falar do futuro do meirande encontro dos movementos sociais, tamén se anunciou unha axenda mundial da mobilizacións para este ano que comeza. A representante do Foro Social Europeo, a italiana Rafaela Bolini, revelou que haberá protestas durante a reunión do G-8, en maio, en Italia; durante a Conferencia da Organización das Nacións Unidas sobre Mudanzas Climáticas, que se desenvolverá en decembro, en Dinamarca; e nas celebracións dos 60 anos da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), que será en abril.


4.2/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Os grupos de traballo na sesión de peche do FSM / Imaxe: Agência Brasil
Os grupos de traballo na sesión de peche do FSM / Imaxe: Agência Brasil
Na Asemblea das Assembleas para presentación das suxestións de cada grupo de traballo / Imaxe: AgBr
Na Asemblea das Assembleas para presentación das suxestións de cada grupo de traballo / Imaxe: AgBr
Unha marcha pola legalización da marihuana, polas rúas de Belém / Imaxe: Agência Brasil
Unha marcha pola legalización da marihuana, polas rúas de Belém / Imaxe: Agência Brasil
Indios participantes no FSM / Imaxe: Agência Brasil
Indios participantes no FSM / Imaxe: Agência Brasil
Indíxenas do Vale do Javarí entran na área de prensa exixindo melloras na saúde, xa que moitos morreron de hepatite nos últimos anos
Indíxenas do Vale do Javarí entran na área de prensa exixindo melloras na saúde, xa que moitos morreron de hepatite nos últimos anos