Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
XOSÉ LUÍS MÉNDEZ FERRÍN

"A alternativa segue sendo 'socialismo ou barbarie'"

O escritor e político recibiu en Vigo unha homenaxe, que comezou coa presentación do libro 'A semente da nación soñada'.

Marcos S. Pérez - 09:00 09/02/2009

Xosé Luís Méndez Ferrín cumpriu setenta anos hai uns meses. Coincidiu coa designación do autor ourensán como o primeiro Premio Nacional de Literatura e coa súa obrigada xubilación como mestre no Instituto Santa Irene de Vigo. Un grupo de persoas, formado por Francisco Fernández Rei, Rosa López, Antón Dobao, Miguel Anxo Seixas, Anxo Angueira, Xosé-Henrique Costas, Olegario Sotelo, Xabier Vázquez, Manuel Bragado e Xosé M. García Crego, comezou hai máis dun ano os traballos de preparación da homenaxe que se celebrou este venres en Vigo. O acto de recoñecemento acompañouse da edición dun libro, no que participaron máis de sesenta autores, que analizaron a vida, a obra e o pensamento de Xosé Luís Méndez Ferrín.

Unha das mensaxes que máis se repite no libro é a do seu compromiso coa esquerda, e coa creación dun discurso de esquerdas mesmo nos momentos máis difíciles: por exemplo a creación de A Trabe de Ouro en 1990.

Como ben dis, A Trabe de Ouro nace nun momento no que Fraga obtén a súa primeira maioría absoluta e no que se derruban os sistemas socialistas no leste de Europa. Tiña que haber unha resposta intelectual, era o que nos correspondía, ao igual que a resposta política ou sindical a deron outros. Non se podía ir ao matadoiro, cautivos y desarmados. Había que organizar a resistencia contra a globalización capitalista, e contra aqueles que declaraban que aquela era a fin da historia. Pero como se pode ver hoxendía a historia non acabou, e o que cae agora non é o Muro de Berlín, senón o sistema capitalista todo.

Hoxendía o escenario é moi distinto do que había en 1989. É o capitalismo o que está en crise, e mírase cara á esquerda na procura de alternativas. Cal é a alternativa?

A alternativa segue sendo 'socialismo ou barbarie'. O capitalismo vai seguir entrando en crises periódicas, como xa anticipou Marx, nos que vai esixir ser salvado, cos cartos de todos, para entrar de novo en períodos de delirios de acumulación. Hai vinte anos ninguén esperaba que o socialismo tomase o poder a través dunhas eleccións, e fíxoo por exemplo en Venezuela. E dicían que Cuba ía caer nun momento ou outro, e Cuba segue aí. E hai un par de meses os mozos anticapitalistas paralizaron Grecia toda. A alternativa é que o Estado sexa ocupado pola clase obreira e polos interesados no ben común. A alternativa é a socialización dos medios de produción para acadar o ben de todos.

Cres necesaria a convocatoria dunha folga xeral?

Nós apoiamos a convocatoria dunha folga xeral, pero non unha folga xeral de paripé. Nós non temos por que pagar o caos e a desfeita do capitalismo. Hai que dar unha resposta, que pode ser unha folga xeral, ou unha cadea de folgas, ou calquera outra acción, pero unidas sempre á política, Isto é un problema político e ten que estar ligado á acción política. Na CIG, por exemplo, teñen que reflexionar sobre por que no BNG non os teñen en conta, ou téñenos en conta menos que aos Tojeiro ou Jacinto Rey.

A homenaxe chega en plena precampaña electoral? É un acto político?
É un acto político, claro. Un acto, por exemplo, pola defensa do idioma, para opoñerse ás campañas destes que atacan ao galego co seu discurso sobre o bilingüísmo. Un acto político, que non electoral, claro está.

Estás traballando nalgunha obra agora?
Sempre estou traballando, aínda que neste momento en ningunha obra concreta, ou que vaia saír publicada en breve. Ando escribindo unha novela, e tamén un ensaio.

En que cambiou a túa vida dende a xubilación?
Non variou demasiado. En realidade non variou nada, o único é que teño máis horas libres para ocupalas noutras cousas.


4,64/5 (50 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: