Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
Primeira visita oficial

A presidenta Arxentina chega a España o domingo

Cristina Fernández de Kirchner comezará o vindeiro luns as actividades da súa viaxe de Estado a España, onde será recibida polo rei Juan Carlos e o xefe de goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero. Os temas máis delicados serán a estatización da empresa Aerolíneas Argentinas e a situación de Telefónica de Arxentina.

Débora Campos - 11:00 07/02/2009
Cristina Fernández e Rodríguez Zapatero, no Cumio Iberoaméricano de 2008 en El Salvador

Cristina Fernández e Rodríguez Zapatero, no Cumio Iberoaméricano de 2008 en El Salvador

A presidenta Cristina Fernández de Kirchner comezará o vindeiro luns a súa primeira visita de Estado a España, onde será recibida polo rei Juan Carlos e o xefe de goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero; asinará acordos de cooperación e reunirase con empresarios.    
A mandataria, que vai viaxar acompañada polo ministro de Exteriores Jorge Taiana, chegará a Madrid o domingo e parará no Palacio Real do Pardo, residencia dos Xefes de Estado estranxeiros de visita oficial en España.  
 
A actividade máis importante da visita oficial de dous días terá lugar o luns, cando a xefa de Estado se reúna co rei Juan Carlos e o presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero. A presidenta arribará ao domingo ao aeroporto madrileño de Barajas e iniciará a súa actividade tras unha cerimonia oficial de benvida no Palacio do Pardo que será presidida polo rei Juan Carlos de Borbón e a raíña Sofía.  

A xefa de Estado visitará logo o Concello de Madrid, onde o Alcalde Alberto Ruíz Gallardón, do Partido Popular (PP), vaille facer entrega da chave de Ouro da cidade. De contado, a presidenta arxentina terá unha audiencia co rei Juan Carlos no Palacio da Zarzuela e logo un xantar privado ao que tamén se unirá a raíña Sofía.   

Pola tarde, Fernández de Kirchner vaise reunir con Zapatero no Palacio da Moncloa, sede do Executivo español. Alí, os dous mandatarios abordarán os principais temas da axenda bilateral co obxectivo de "consolidar a relación" entre dous países que son "aliados estratéxicos", indicaron fontes oficiais. Nese contexto, ambos os mandatarios asinasen acordos de cooperación en materia de educación, ciencia e tecnoloxía.   

O encontro sen dúbida dará lugar a un intercambio de opinións acerca da crise financeira internacional, co obxectivo de avanzar na coordinación dunha estratexia común entre os países industrializados e os emerxentes, reunidos en torno ao G-20.    Aínda que España non é membro do G-20, Zapatero está tentando participar activamente nas iniciativas multilaterais centradas en abordar a crise financeira internacional, que golpea con especial forza a España, oficialmente en recesión e cunha taxa de paro que roza o 14%.   

Tras a reunión con Zapatero, Fernández de Kirchner asistirá á cea de gala que os reis ofrecerán no Palacio Real de Madrid na súa honra.   

O martes, a presidenta arxentina ten previsto un encontro co Secretario Xeral Iberoamericano, Enrique Iglesias, na sede desa institución, e ofrecerá en casa América unha charla sobre a actualidade de Arxentina no contexto latinoamericano.    
A presidenta volverá o martes á Moncloa para manter un xantar privado coa vicepresidenta do goberno español, María Teresa Fernández de la Vega, e man dereita de Zapatero no Executivo socialista.   

Pola tarde, Fernández de Kirchner visitará o Congreso de Deputados español, onde asinará o libro de honra e pronunciar unhas palabras no Hemiciclo, tras a apertura da sesión. Ao concluír esta actividade, a presidenta realizará unha homenaxe no Monumento aos Caídos por España, situado na praza da Lealdade.   

Antes de pechar a visita cunha recepción de honra aos reis no Palacio do Pardo, a xefa de Estado manterá encontros privados con empresarios españois.   

España segue sendo o país que máis inviste na economía arxentina por detrás de Estados Unidos, mentres a balanza comercial bilateral pechou en 2008 cun superávit a favor de Arxentina de máis de de 1.500 millóns de euros.  

Nesta visita, o Goberno español insistirá na necesidade de que o Arxentina alcance unha "solución beneficiosa para todas as partes" co grupo Marsans pola empresa Aerolíneas Argentinas.   

Este será un dos puntos delicados da visita xunto a outros que atravesan a relación bilateral como os intereses de Telefónica de Arxentina. "Vaise a falar do tema; está vivo", indicaron funcionarios arxentinos, considerando que a Casa Rosada ten o aval do Congreso para expropiar as accións do grupo español.   

Nas últimas horas transcendeu que o traspaso dun contrato multimillonario co consorcio europeo Airbus para a compra de avións ao longo dos próximos dez anos é a saída que negocia o Goberno para rematar o seu conflito con Marsans pola nacionalización de Aerolíneas Argentinas. A cambio dese acordo, Marsans retiraría un reclamo contra o Estado arxentino ante o CIADI, o tribunal do Banco Mundial, pola nacionalización das dúas liñas aéreas.   

As autoridades españolas tamén farán un pedido pola situación de Telefónica, logo de que a Comisión Nacional de Defensa da Competencia intimou a esa firma e a Telecom para que informen detalles da compra de accións por parte da segunda ante a posibilidade de que a transacción poida xerar riscos de monopolio no país. "O Goberno arxentino sabe que a operación foi autorizada pola Comisión Europea e por Brasil", onde se deu unha situación similar, apuntaron. Rodríguez Zapatero tamén pedirá que o goberno que permita que as telefónicas ofrezan o servizo de televisión, sistema coñecido como "Triple Play".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: