Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
Influencia na opinión pública

A Igrexa portuguesa ameaza os partidos que aproben o casamento homosexual

Non é un apelo á mobilización, aínda, mais si un aviso enviado directamente ao PS de José Sócrates, cando están moi próximas as vindeiras eleccións lexislativas.

Redacción - 12:25 11/02/2009
O líder do PS e primeiro ministro portugués, José Sócrates

O líder do PS e primeiro ministro portugués, José Sócrates

É unha das poucas veces que a Igrexa Católica Portuguesa sae á palestra con palabras de aviso. Non é aínda un apelo á mobilización dos seus fieis -como aconteceu no Estado Español, onde os "defensores da familia", curas e bispos tomaron as rúas durante meses-, senón unha advertencia que vai dirixida directamente ao secretario xeral do PS e primeiro ministro portugués, José Sócrates, estando ben perto as eleccións lexislativas.

"Os cristiáns, seguramente, han chegar ás súas conclusións, porque non é de fiar quen se mete nestas aventuras, nas que a sociedade fica exposta a feridas, que son profundas", declarou, a xeito de aviso, o secretario da Conferência Episcopal Portuguesa (CEP), Manuel Morujão, ao término da xuntanza do consello permanente deste entidade, que se desenvolveu esta terza feira en Fátima. Con esta fórmula, escasa en palabras, mais firme, Morujão deu a entender que a Igrexa do país veciño vai asumir unha posición pública, chamando aos católicos a non dar o seu voto aos partidos políticos que defendan o casamento entre persoas dun mesmo sexo.

Ameazas de mobilización
Para os bispos portugueses, hai outras cousas das que preocuparse , como a crise, que se debía paliar "dándolle apoio ás familias que o precisan, para que respondan aos desafíos actuais". Alén disto, pensan que o casamento homosexual é fondamente reprobábel, porque "vai dividir os portugueses".

"As organizacións da Igrexa hanse mover, non contra ninguén senón a favor dunha causa", dixo o padre Manuel Morujão, facendo aínda máis patente a súa ameaza, xusto un bocado despois de erguerse na defensa da "dignidade e da decencia", e tras reiterar que "o sociedade non evoluciona se non é a partir das dúas traves mestras: o casamento e a familia".

"Os partidos políticos non se meten na relixión, e do mesmo xeito eles non deben apelar ao voto"
O voceiro do PS, Vitalino Casas, pensa que esta posición da Igrexa "non é inesperada", mais pensa que o seu partido debe "corresponder a todos os sectores da sociedade portuguesa". "Portugal aínda ten un déficit de igualdade que ten que cubrir, creando condicións para que as parellas do mesmo sexo teñan dereitos iguais", declarou o socialista ao xornal portugués Público. En canto a unha posíbel utilización das campañas electorais por parte da Igrexa para facer valer a súa doutrina, Casas sinalou que "os partidos políticos non se meten na relixión, e do mesmo xeito as entidades relixiosas non deben facer apelo ao voto. Sería o que cada institución fique na súa esfera de influencia".

A legalización do casamento homosexual foi obxecto, en outubro, de dous proxectos de lei na Assembleia da República, un deles do Bloco de Esquerda (BE) e o outro de Os Verdes, mais ámbolos dous quedaron no camiño. Porén, o casamento entre persoas do mesmo sexo é unha das propostas que Sócrates leva na súa moción para o vindeiro congreso do PS, e que o líder socialista ha desenvolver no seu vindeiro mandato, se gaña as eleccións.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: