Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
ás 17:30 na Sala Nasa, último concerto da Caravana Galiza Non se Vende

15 de febreiro. Manifestación Goberne quen goberne, Galiza Non se Vende

As persoas que berramos GALIZA NON SE VENDE expresamos a nosa mais enérxica protesta ante o desolador panorama que deixa este goberno disfrazado de progresista coas suas políticas ambientais e sociais que están arruinando Galiza, destruíndo a súa paisaxe, os seus recursos naturais, o patrimonio cultural e a biodiversidade. Políticas ambientais e sociais que significan a continuación das de gobernos anteriores no triste camiño de entregar o país, os seus recursos e a súa identidade, ás grandes empresas multinacionais e aos grandes intereses económicos. Utilizando o gasto público para, nun intento desesperado, tapar os grandes buratos que crea este obsoleto e insustentabel modelo economico e social.

Verdegaia - 20:00 12/02/2009
Tags:

A lista dos obxectivos e puntos de denuncia é, por desgraza, longa e variada. Céntranse no corazón magoado da nosa realidade natural e social: marbellización do litoral, recheos e contaminación das rías, degradación dos ríos, plano acuícola devastador das zonas costeiras mellor conservadas, portos deportivos que enmascaran urbanizacións e apropiación privada da costa, plano eólico contra-natura, destrución e privatización da terra pola cobiza de graniteiros, louseiros e outras minarías; campos de golf, eucaliptización, cultivos transxénicos, industrias nocivas e perigosas, parques industriais desproporcionados e sen planificación, sistema de transportes irracional, primitivo e insostíbel; urbanismo salvaxe, especulación xeneralizada, extinción programada da agricultura, abandono e destrución do rural, pobreza de espazos naturais protexidos e nulo respeito polos que hai, desprotección do patrimonio arqueolóxico, especialmente do prehistórico...

As persoas que berramos GALIZA NON SE VENDE expresamos a nosas ganas de vivir e de recuperar os espazos e coñecementos que nos serviron durante séculos, para que nós e as persoas que veñan despois teñamos un futuro garantido. Por iso artellamos unha rede de colectivos e proxectos realmente alternativos, ante a incapacidade e cobardía dos politiqueiros responsabeis de parar esta tolemia, para procurarnos estratexias válidas para poder seguir vivindo na nosa terra e da nosa terra.

As persoas que berramos GALIZA NON SE VENDE temos moi claro que non imos quedar indiferentes ante falsos discursos de cidadanías e democracias cando se nos criminaliza por ser cidadás e cidadáns e expresar o que pensamos, non imos quedar indiferentes cando nos seus discursos valeiran de contido palabras cheas de solidariedade.

Porque outro xeito de facer é posibel, a cidadanía galega saímos á rúa xunta (e rebolta), o dia 15 de febreiro nunha grande manifestación nacional em Compostela que sairá ás 12 da mañan da Alameda baixo o lema:

Goberne quen goberne, Galiza non se Vende


2.33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: