Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Valoración da lexislatura en materia de política lingüística

"A normalización da lingua faise coa participación da sociedade, e nestes catro anos apenas houbo diálogo"

Esta quinta feira comezaron en Compostela, no Consello da Cultura Galega (CCG), os XI Encontros para a Normalización Lingüística.

A. Rodríguez - 20:25 12/02/2009

O encargado de abrir a xornada foi o presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), Nel Vidal Barral, quen presentou o relatorio elaborado pola Comisión Técnica do Centro de Documentación Sociolingüística de Galiza -entidade da que fai parte, e que depende do CCG. O documento presentado é unha análise da acción de política lingüística que desenvolveu o Goberno esta lexislatura que está a piques de terminar, á que se lle achegaron varias propostas para os vindeiros catro anos.Segundo Vidal, facíase necesario facer unha avaliación da actuación do bipartito neste eido, após 16 anos de goberno popular. En 2005 nas cadeiras da Xunta sentaron outras persoas ben diferentes, e era preciso averiguar se as cousas mudaron algo, tamén en relación á política que se seguiu coa promoción da nosa lingua.

Nestes catro anos, e segundo revelou Nel Vidal, producíronse algúns avances, pero aínda moi afastados do que se pretendía ao comezo da lexislatura. "Nalgúns eidos estamos mesmo a recuar", subliñou o Vidal, mentres sinalaba que isto é debido, en gran medida, a que a estrutura da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) pouco mudou. "Faltan organismos técnicos de planificación, e persoal especializado; moitas veces recorreuse á improvisación. Faltan tamén recursos, xa que foron poucos e mal investidos; os mesmos cartos con outros criterios no seu emprego, terían uns resultados ben distintos. E houbo, por último, unha ausencia total de diálogo dentro da propia administración, con outras administracións e co público. Non houbo, en absoluto, participación social neste proceso normalizador", acrecentou o membro da Comisión Técnica do Centro de Documentación Sociolingüística de Galiza.

Os erros, un por un
A SXPL creábase, así chegou o novo goberno ao poder, para "avanzar na normalización da lingua, un elemento básico da identidade do noso pobo". Co goberno do PPdeG existía unha estrutura parecida, mais integrada na Consellaría de Educación, a antiga Dirección Xeral. Mais a SXPL inseriuse en Presidencia, contando cunha estrutura orgánica superior e con competencias máis amplas e que en nada se semellan ás da vella Dirección Xeral. Ten, ademais, un novo posicionamento orgánico e, aínda que o goberno enteiro é responsábel dela, depende dun órgano superior, a Presidencia. Porén, nacía para ter "capacidade de actuar transversalmente", é dicir, en todas as estruturas gobernamentais, implementando en cada unha delas medidas de fomento e uso do galego, nos diferentes eidos. Porén, segundo contou Vidal, a estrutura interna da SXPL mantívose, practicamente sen variacións en relación á Dirección Xeral que creara o PP (até 2008 non se creou a nova Subdirección Xeral de planificación e Dinamización Lingüística).

A SXPL nacía cunha serie de eivas, segundo a a Comisión Técnica do Centro de Documentación Sociolingüística de Galiza, entre elas o feito de integrar na súa estrutura o Centro Ramón Piñeiro que, segundo este relatorio, "non debería depender nin funcional nin economicamente desta Secretaría. As súas funcións e moitos dos proxectos que desenvolven non teñen que ver coa lingua. Debera estar ligado ou a Cultura, a Educación ou a Innovación e Industria".

Alén disto, na SXPL evidenciáronse, sempre segundo este texto, "graves carencias de persoal especializado en planificación lingüística". Dentro dela, ademais, existen dúas comisións, unha de carácter máis político (Comisión de Seguimento e Impulso do Plan xeral de normalización da lingua galega) e outra interdepartamental (Comisión Executiva da Interdepartamental da Xunta para a Normalización Lingüística), que debera facer un seguimento da aplicación do PXNL dentro da mesma administración. Porén, segundo sinalou Nel Vidal, a primeira destas comisións, na que se había de formar un equipo de traballo con persoal nomeado por cada un dos dous partidos que conforman o Goberno, PSdeG e BNG, "foron numerosas as renuncias e os cambios de persoal, que, unida á nula visibilidade que se lle deu dende a SXPL, evidenciouse o seu regular e deficiente funcionamento".

Poucos cartos e mal empregados
"Os orzamentos sempre son indicativos, tanto pola súa medida como por como son distribuídos nos distintos programas", comezou Nel Vidal a referirse aos recursos que se empregaron na política lingüística estes catro anos. Porén, segundo dixo, estes "teñen que considerarse, claramente, continuístas, xa que se empregaron os mesmos conceptos que nos anos de goberno do PP, nin sequera iso variou: quedaron as subvencións a empresas editoriais, os convenios cos medios de comunicación, as bolsas de traballo no Centro Ramón Piñeiro... E a ninguén se lle ocorreu que poderían introducirse subvencións ás discográficas, para que incentiven a edición de discos en galego, ou ás produtoras audiovisuais e ás salas de cinema, para que traballen na produción e distribución de filmes na nosa lingua", sinalou Vidal. "Este clarísimo continuísmo e falta de imaxinación facilitounos o traballo, empregamos o mesmo esquema de análise que na lexislatura anterior, e concluímos que os orzamentos foron subindo nos primeiros tres anos -unha suba que nunca chegou a superar o 4%-, mais en 2009 crébase por completo esa liña ascendente", dixo Vidal, ao tempo que engadía que o orzamento deste ano "é aínda inferior ao de 2005, o último ano de goberno do PPdeG". "A porcentaxe, sobre o orzamento total do Goberno, que se lle dedicou á Política Lingüística foi descendendo ano tras ano. En 2005 era o 0,23% e en 2009 baixou até o 0,17%. Mentres os orzamentos da Xunta foron subindo, os de Política Lingüística mantivéronse", describiu o lingüista.

Un Consorcio que nunca se constituíu
Para comezar a valorar as acción da SXPL nestes catro anos, Nel Vidal describiu o que aconteceu co arelado Consorcio para a Planificación Lingüística, que mesmo aparece nos orzamentos (hai unha partida de 540 mil euros en 2007 e de 640 mil euros en 2008 para a súa creación, porén, non aparece nos de 2009), mais que nunca se desenvolveu, a pesar de dárense pasos encamiñados á súa creación. "Parecía lóxico que se reorganizasen as entidades de planificación lingüística creadas nos últimos 20 anos nas administracións locais galegas, mesmo había propostas de comarcalización destes servizos que están nunha situación desigual, sen continuidade, descoordinados e cos recurso mal aproveitados". Os pasos para poñer a andar o Consorcio comezaron a darse en 2007, e decidiuse crear un paralelo de Terminoloxía. Fíxose unha rolda de presentación polos concellos e deputacións, conseguindo o compromiso de moitos deles, nalgúns casos até partidas orzamentarias. Mais, a pesar dos pasos dados, este consorcio non se constituíu, "e agora estamos nesta calella sen saída, xa que as súas obrigas e os seus compromisos foron incumpridos".

Na opinión do conferenciante, o Consorcio paralizouse e "a resposta oficial foi o silencio", porque a súa creación coincidiu nun momento no que o partido que ostentaba a SXPL, o PSdeG, estaba centrando as súas críticas, dende a Fegamp, na creación do Consorcio da Igualdade e do Benestar, "e non o mesmo partido non pode criticar unha entidade, e, ao mesmo tempo, promover unha semellante, aínda que noutro eido". Polo seu lado, o Secretario do Consello da Cultura Galega, Henrique Monteagudo, sinalou que, no momento no que se estaba a traballar na creación deste consorcio, tamén comezaron a visibilizarse na prensa "unha serie de mobilizacións públicas contra o galego", e a resposta a isto foi "repregarse, no canto de activar medidas". "Isto é un síntoma do que podería acontecer na vindeira lexislatura, se estas asociacións, que teñen máis calado mediático que social, seguen a aparecer nos medios, a SXPL podería convencerse de que é necesario desactivar algunhas políticas de normalización, e o resultado disto só sería malo para o galego, xa que farían una análise pouco realista do que realmente acontece".

Outras accións
Nesta liña, Nel Vidal foi repasando, unha por unha, as accións da SXPL nestes catro anos, parando na súa capacidade e as accións doutros departamentos. No referente a este eido sinalou que "con mellor ou peor criterio, foron diversas as accións de transversalidade", ao tempo que nomeaba a creación das Galescolas ou do software en galego, e de accións lexislativas como a promoción do emprego do galego no sistema educativo, a Lei da Función Pública, a Lei de Subvencións e o proxecto da Lei do Comercio. Mais, segundo Vidal, "na aplicación práctica das medidas lexislativas houbo disparidade de criterios dentro da propia administración, polo que non foi de todo efectiva a acción da SXPL". Tamén se referiu Vidal á formación e a acreditación de coñecementos de galego, sobre o que sentenciou: "o criterio para evitar conflitos superou o criterio formalizador, cambiouse o sistema, pero nin significou un avance; e en canto ao profesorado, déronse pasos para mudar os contidos docentes, pero non se avanzou na convocatoria de cursos ou na contratación de persoal".

En canto á difusión exterior, Vidal lembrou que "seguimos sen unha institución de promoción exterior da lingua, incumprindo o acordo asinado en 2005 polo que se ían coordinar e profesionalizar os distintos lectorados, ao estilo que o fan, por exemplo o Centro Camões portugués ou o Ramón Llul catalán. Nestes catro anos optouse por manter ou aumentar aleatoriamente a rede de lectorados, e, a pesar dalgúns avances, a tónica segue a ser a precariedade na coordinación".

Henrique Monteagudo, quen tamén estaba presenta na presentación deste relatorio, sinalou, ao comezar o coloquio posterior, que, ao seu ver, falta diálogo coa administración. "Que non estivese a secretaria xeral de política lingüística, Marisol López, na apertura deste encontro, xa indica a falta de diálogo social e institucional que hai". Segundo Vidal, esta falta de diálogo, e de que a Comisión Técnica nunca fose chamada a ningún tipo de xuntanza cos responsábeis da SXPL é consecuencia do "conflitivo e abrupto" proceso de nomeamento da secretaria xeral, que causou unha "actitude defensiva en López, e interpretou cada interpelación como un ataque, co que se foi creando unha fenda".

Cinco propostas para a vindeira lexislatura
Dende a Comisión Técnica do CDSG tamén deron cinco camiños chave para que na vindeira lexislatura as cousas muden en materia de normalización lingüística. Falan dunha normalización planificada e con obxectivos claros dende o conxunto do Goberno; dun aumento dos recursos -cifrano nun 0,3%-; da creación dunha verdadeira estrutura e capital humano -profesionais formados-; a creación do Consorcio de Planificación; e o artellamento de mecanismos de participación social.

Na mañá da xornada de apertura deste encontro tamén participaron, na poñencia titulada A Necesidade dun Consorcio de Planificación Lingüística, Lois Pérez Castrillo -que viña explicar a experiencia da posta en marcha do Consorcio de Igualdade e Benestar, do que é xerente-; Pilar López Martínez, quen viña falar do exemplo do Consorci Per a la Normalització Lingüística de Catalunya -que cumpriu 20 anos, e do que é xerente-; e Valentín García Gómez, da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, que volveu reiterar a necesidade da creación deste Consorcio de Planificación Lingüística en Galiza.


Ligazóns

3,79/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: