Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
O BNG advirte contra a "impaciencia"

"As cousas non se fan en dous días", exemplifica Quintana co "modelo Allariz"

"Igual que convertemos Allariz en concello de referencia, agora co voso voto e o voso esforzo debemos ser capaces de que Galiza sexa o mellor país do mundo", avaliou Anxo Quintana no mitin no concello do que foi alcalde.

Redacción - 09:00 16/02/2009

"Non hai milagre de Allariz, hai valentía, compromiso, traballo, intelixencia e paciencia", indicou o voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, durante a súa intervención na vila da que foi rexedor, "ese é o único segredo que houbo, e agora todos gozan de Allariz, todos enxalzan este pobo". "Iso conséguese con esforzo e con traballo, non con xaculatorias", advertiulles aos asistentes, "as cousas non se fan en dous días".

Nesa liña, aproveitou o líder do Bloque para recordar os seus primeiros tempos na alcaldía, "só dous anos despois de chegar á alcaldía fomos ás urnas". "Aínda non fóramos capaces de rehabilitar o casco, xa empezáramos o cambio, xa fóramos capaces de inicialo". Lembrou, "E o cambio seguiu e hoxe todos fomos capaces de transformar o concello. Que sería de nós se venceran os impacientes?", agoirou. "Igual que convertemos Allariz en concello de referencia, agora co voso voto e o voso esforzo debemos ser capaces de que Galiza sexa o mellor país do mundo", solicitoulle á concorrencia.

Doutra banda, reivindicou o candidato do BNG á presidencia da Xunta que a súa formación ten o aval da "palabra cumprida". "Dicíavos hai un ano que utilizaríamos a nosa presenza en beneficio dos galegos e cada vez que os nosos votos foron decisivos utilizámolos en beneficio de Galiza, para ter máis autogoberno, porque defender Galiza é a labor do BNG e con esa forza moral veño pedirvos o voto", dixo. "Grazas ao BNG, Galiza decide en Madrid", insistiu.

De paso, cargou o líder nacionalista contra a "minoría de ricos e poderosos aos que non lles gusta o cambio". Ao fío, puxo exemplo co proceso eólico, recordando a cota que agora reverterá na caixa pública. "Os que se beneficiaban antes agora non están contentos, eran 4 empresas que sacaban todo o beneficio e a nós non nos quedaba nada: son poucos, pero ricos e poderosos e teñen algún xornal disposto a cederlles propaganda", acusou Quintana. "Na época de Fraga non protestaban, por educación, porque coa boca chea non se pode falar e non protestaban por iso porque eles tiñan a boca chea", censurou ao respecto o candidato do Bloque.


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: