Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
ALBERTO NÚÑEZ FEIJOO

"Cando se obteñen moitas maiorías hai risco de afastarse da realidade"

O candidato do PPdeG non foxe da autocrítica para afrontar o futuro: "Un dos problemas do PPdeG foi non adaptarse aos cambios da sociedade galega". Visitou Vieiros para contarnos do seu proxecto. Vídeo no interior.

Ramón Vilar - Roberto Noguerol / Vídeo: Isabel G. Couso / Fotos: César Galdo - 11:30 17/02/2009

Faltan poucos días para o inicio da campaña e Núñez Feijoo entra na redacción de Vieiros cun sonoro “boa tarde”. Acaba de chegar a Compostela procedente dun acto en Pontevedra. Trae taxada unha hora antes de marchar cara a un encontro con gandeiros na comarca de Xallas. Desprende amabilidade, optimismo e non lle falta sentido do humor. Á primeira de cambio saca o revólver: ¡Imos a por todas!

Con 47 anos opta por vez primeira á presidencia da Xunta. Nótase que quere pechar unha etapa da que non renega pero que sabe que xa non move muíño: Axiña fai fincapé na renovación do partido. A súa xefa de prensa mira sen parar o reloxo e fuchica nunha PDA que non dá tregua. As gravadoras dixitais xa están enriba da mesa. A entrevista comeza e a hora fixada convértese en case 90 minutos de conversa moi fluída.


Que o levou á política, como foron eses primeiros pasos?


Gustábame a dialéctica, os debates, as tertulias e ese foi o xermolo dese interese pola política. Creo que a gran diferenza das persoas é a capacidade da linguaxe, a capacidade de comunicación...e a política é comunicar ideas, comunicar proxectos. Gustábanme moito os debates que había na televisión, as sesións do Congreso dos Deputados en plena Transición (Suárez, Carrillo, Fraga, Felipe González, Guerra...) Vivía nunha aldea onde tampouco había moitas diversións...

Un destacado cadro do PSdeG confesáballe a Vieiros que, contra todo prognóstico, o PPdeG ten o mérito de manterse cohesionado a pesar de non estar gobernando na Xunta, en ningunha das principais cidades, nin en dúas deputacións... Nese sentido e con sinceridade, cales foron as fortalezas e puntos febles que vostede atopa cando colle o temón?

A principal fortaleza sen dúbida é un partido que está enraizado no pobo. Cando vas a unha reunión con gandeiros, pescadores ou mariscadoras, ti ves que a xente é do PP. Probablemente porque a súa filosofía de vida coincida basicamente cos principios do partido. Somos unha xente profundamente galega que nos sentimos moi cómodos como españois. Sabemos que sen traballo e sen esforzo non hai case nada.  As principais feblezas son que é un partido que nunca fixo oposición xa que era netamente de goberno. Atopei un partido que acababa de sufrir dous golpes psicolóxicos: a perda das Xerais de 2004  e a perda da maioría absoluta aquí en 2005. Era un partido que tiña que aprender a facer oposición, porque nos últimos vinte anos fora goberno.

Entendemos que, despois de 16 anos de goberno e case catro de oposición, o  PPdeG extrae algunhas leccións moi concretas para afrontar unha eventual volta ao poder... Cales?

Cando un partido obtén unha maioría e outra e outra e outra, pois loxicamente hai un risco evidente que é o de afastarse da realidade e pensar que o pobo ten que votar porque si. E é evidente que as persoas mudan de opinión. Houbo un relaxamento, unha falta de tensión. Outro problema foi non adaptarse aos cambios da sociedade galega. A sociedade dende 1989  foi mudando: os universitarios daquela que agora son os directivos de empresas, os fillos do rural que foron para as cidades...Foi emerxendo unha área urbana de Galiza onde vive máis da metade da poboación...Eu creo que o PP non foi acompasando estas mudanzas.

Na década dos noventa o PPdeG apelaba ao galeguismo. Antes diso xa no PP  galego usaban o nome "Galiza" para o país sen complexo ningún. O propio Cuíña chegaba a dicir que aos “populares” ninguén lles daba leccións de galeguismo e que só os paraba a fronteira da autodeterminación. Non perdeu terreo este discurso no seu partido?


O galeguismo é un sentimento e unha actitude frente á vida. O galeguismo é unha identificación coas raíces do pobo: un galeguista é aquel que ama Galiza profundamente. Un nacionalista é outra cousa. Un nacionalista é unha persoa que ten unha ideoloxía, que cre que hai un ente estrano que nos asoballa constantemente e que se chama España e que cre, na miña opinión cun profundo erro, que sós viviamos mellor. O galeguismo vai mudando ao longo do tempo para adaptarse á sociedade. É  diferente un galeguista na era de internet, que un galeguista de antes do teléfono. O galeguismo do PPdeG do ano 2009  é o mesmo galeguismo do ano 89  pero vinte anos despois. Tamén do nacionalismo marxista-leninista ao nacionalismo de proximidade que se di hoxe, que consiste en bailar todas as fins de semana, convidar a cantos máis mellor ás merendas...esas cousas polas que antes botaban as mans á cabeza...Digo, que eu non vou entrar nisto. O marxismo dentro do socialismo aboliuno González en Suresnes pero evidentemente o socialismo de Zapatero comparado co de Pablo Iglesias no único que se parece é nas siglas. Polo tanto, creo que sen romper os alicerces fundamentais do noso partido, a sociedade segue a ser galeguista e votando o PPdeG.

Hai colectivos que presumen de estar integrados, entre outros, por militantes e simpatizantes do seu partido, e desafíano a derrogar o marco de normalización lingüística? Até que punto cederá no ámbito da lingua? En serio cre que os castelánfalantes sofren algún tipo de problema de dereitos en Galiza?


Eu creo que os políticos debiamos abrir os ollos. A promoción, a defensa do galego hai que facela intelixentemente e eu creo que isto é o que non o fai este goberno. Este goberno fixo algo que eu nunca faría: romper os acordos e os plans de normalización. Durante moito tempo prohibiuse  galego e agora estamos empezando a poñernos no outro extremo. De prohibir o galego estamos pasando á fase da imposición. Creo que iso é malo. O outro día comentábame unha persoa galegofalante 100%:  “Eu cando ía á escola só podía falar galego no recreo e agora resulta que os meus fillos só poden falar castelán no recreo”. Polo tanto, o galego é unha lingua para falala, para querela, no para impoñela. Non estamos dacordo nin coas prohibicións antigas nin coas imposicións novas. Ás veces por querer algo tanto prexudicámolo. Polo tanto, coidado porque neste momento hai moita xente que empeza xa a facer reivindicacións moi complexas.

Nesta campaña electoral, as circunstancias indican que o escenario da economía será fundamental para mobilizar o voto... Resúmanos as claves prácticas fundamentais que propón o seu partido para reforzar Galiza neste contexto?


Máis austeridade na administración pública, menos taxas para os emprendendores: menos burocracia e máis apoio aos sectores produtivos. Unha administración que dea exemplo ás familias galegas que o están pasando mal que a administración tamén o vai pasar peor. Unha administración que garanta os gastos na sanidade, na educación e nas políticas sociais pero que diminúa os 400  millóns que lle custa a maiores a maquinaria de contas nos últimos catro anos. Unha administración que contratou a dez mil traballadores públicos nos últimos catro anos. Polo tanto austeridade. Máis produtividade da nosa economía e máis internacionalización das nosas empresas; un plan de emprego para mulleres e parados de longa duración e devolver o prestixio á xente nova que monta a súa empresa. Hai que devolver o interese polas iniciativas.

Cal é a principal queixa do PPdeG fronte ao Goberno actual?

Que marxine á metade de Galiza. Trátannos como un partido que estivese fóra das institucións. Se propón o PPdeG unha cousa, de entrada non. E  logo que o bipartito nunca tivo un proxecto de goberno común. Dende o principio até o final co concurso eólico foi un constante goberno pola mañá e oposición pola tarde.

Que lle diría a un votante do BNG e a outro do PSdeG para que desta volta opten polo PPdeG?

Creo que Galiza precisa un xiro da política económica. Nun momento de gran inestabilidade económica precísase estabilidade política. Necesitamos un tratamento potente. Ningún país en momentos de dificultades económicas mantén gobernos inestábeis. A segunda razón é que creo que intentamos facer os deberes, de entender a necesidade de renovar o partido e creo que fomos moi valentes cunhas listas electorais con enorme renovación. E en terceiro lugar eu creo que o bipartito defraudou a moitísimos votantes. No concurso eólico están dicindo agora os socialistas que as concesións son irregulares e levántanse da mesa. Eu creo, de verdade, que socialistas e nacionalistas non estiveron á altura das circunstancias. Nós non imos gobernar para o PP, nós imos gobernar para unha sociedade plural que é Galiza. Imos intentar contentar aqueles que cren nunha maior socialdemocracia ou a aqueles que votan nacionalismo e cren nun galeguismo constitucional.

E se tivera que salvar ou felicitar o executivo por tres proxectos, cales escollería? Ou poñamos por caso, se tivese que elixir un conselleiro actual para un seu executivo...?

Eu creo que o bipartito conseguiu unha cousa: que o PP non gobernase. Isto o nacionalismo galego vaino pagar. E vaino pagar como un partido que vai ser minoritario e que só vai ser útil para o socialismo español. Aló eles, eu creo que se equivocan profundamente. Fichar a conselleiros non me atrevo porque xa están fichados (rindo). En serio, eu creo que hai conselleiros que, sen dúbida, teñen o meu respecto pero si sei de algúns que dende logo non me inspiran ningunha confianza. Prefiro non nomealos.

Agora mesmo, o PPdeG non ten opcións de chegar a acordos de goberno con ningún partido. Pensa que é posíbel que a medio prazo haxa outras combinacións e alianzas?

Hai que distinguir os planos ideolóxicos dos planos persoais. Eu con Anxo Quintana non teño ningún problema de diálogo. É  certo que é máis fácil falar con Anxo Quintana que con Touriño. Pero iso é unha cuestión persoal que non ten máis trascendencia. É certo que o Bloque cada vez que nos pediu axuda intentamos escoitalos. Pediunos axuda na Comisión de Seguimento das Infraestruturas e démoslla. E agora conseguimos un acordo en Madrid e bótannos da comisión. Ao final todo era unha broma, porque nin hai comisión nin seguimento das infraestruturas. Neste momento a axenda política é clara: que o PP teña unha maioría absoluta ou que os nacionalistas volvan pactar cos socialistas. Si que lles pediría, por claridade, que se presentasen xuntos ás eleccións, pero comprendo que isto non lles interesa. Eu non presumo nada, dentro da Constitución, eu estou disposto a falar de todo. Pero neste momento creo que a sorte está botada.

As poucas garantías democráticas do voto emigrante volven monopolizar o debate previo ás eleccións. Algo de autocrítica lle tocara ao seu partido con este tema?


Hai que ser moi obxectivo con isto. Nós tivemos a oportunidade de modificar a lei electoral e o PSOE  tamén. Non o fixemos ningún. É certo que o Partido Popular gobernou oito anos e o PSOE  19. Eu teño que asumir a responsabilidade dos anos que o meu partido gobernou en Madrid e os socialistas supoño que terán que asumir a súa. É importante coñecer a historia para darlle a cada un a responsabilidade que ten. É certo que o PP gobernou catro anos con maioría absoluta, os outros catro había que pactalo todo. O PSOE estivo durante moitas lexislaturas coa maioría absoluta en Madrid. Hai catro anos vivimos un resultado no que podía mudar o resultado interior de Galiza co voto exterior. E, aí están hemerotecas, nestes anos os partidos dixemos unha cousa: que non volva pasar o de 2005. Fixemos unha lei, pactámola no Parlamento Galego e a sorpresa é que o PSOE veta en Madrid a reforma da lei electoral. E agora, o Partido Socialista non quere que o 15% do censo electoral se identifique antes de votar? Na emigración é tanto pedir a copia do DNI ou o pasaporte para que acredite a vontade inequívoca de que esa persoa vota e vota por ela?

Vostedes foron moi críticos con medidas de urxencia no ámbito urbanístico, malia que a pé de rúa parecía indubidábel a percepción de preocupación ao respecto dos excesos... Apoiaría agora medidas do estilo ás impulsadas polo Goberno? Ou no seu caso... en que sentido as reformularía?

No do litoral, paralizar unha cousa é xusto o contrario de ordenala. O único que se sabe é que Galiza ten o litoral paralizado. As normas do hábitat é unha boa idea. Mais cando un ten unha idea, aínda que sexa boa, hai que falar con todo o mundo. Normas do Hábitat si, estas non. Nestes momentos hai caixóns e caixóns de proxectos na consellaría para ver se cumpren ou non a norma. Produciuse unha  gran inseguridade xurídica en todos os departamentos de arquitectura dos concellos. Ninguén quere mollarse e manda os proxectos á consellaría. É unha boa idea pero mal implementada. O tema do alcalde-promotor, eu son partidario dun rexistro de intereses claro. Pero, se ao final chegamos á conclusión de que é incimpatíbel ser alcalde e promotor, temos que chegar a moitas outras conclusións. Por exemplo, é incompatíbel ser conselleiro e promotor. Serán incompatíbeis tamén os demais concelleiros, todos os membros da corporación. Eu comprendo a sensibilidade social. Hai que darlle transparencia ao urbanismo e quen meta a man na caixa hai que sacalo da política. O que non pode ser é que en función da profesión de cada un pensar que é sospeitoso de corruptelas. Non hai sospeitosos: Hai corruptos e persoas honradas. Cando xurdiu ese asunto resulta que comezamos a coñecer concelleiros do BNG e PSOE que son promotores. O asunto ás veces non é nin branco nin negro. Calquera persoa que ten un comportamento corrupto ou inmoral non pode ser membro de ningunha corporación, con independencia da súa profesión.

Todo apunta a que, aínda que a maioría absoluta semelle moi difícil, o PPdeG vai ser outra vez a forza máis votada. Podemos dicir que isto vai ser o seu mellor pasaporte para un segundo asalto a San Caetano en 2013?

Se me preguntas hai catro anos que ía facer eu en 2009, seguro que ti e máis eu podiamos chegar á conclusión de que eu non sería o presidente do partido. En serio, eu ao que estou dedicándome dende hai máis de tres anos e intentar ser o presidente de Galiza. Esa é a miña única e máxima aspiración. Despois do 2009 teremos que facer balance de resultados e despois teremos que actuar en consecuencia. A partires de abril espero que a miña axenda sexa a de presidente de Galiza.

Imos ter novo Estatuto na vindeira lexislatura?

Eu mandareille un texto da reforma constitucional do Estatuto de Autonomía ao BNG e ao Partido Socialista coa nosa proposta. A ver se, por fin, somos quen de facer unha reforma intelixente e constitucional do Estatuto. Se non se retomou a negociación é porque o actual presidente da Xunta se negou. En Montepío quedamos en retomala despois das eleccións municipais de 2007 e logo o señor Touriño dixo que non estaba disposto e como é coñecido botoulle a culpa a Feijoo de todo o que ocorre en Galiza. Eu comprométome logo de marzo a enviar un texto para unha reforma constitucional do Estatuto.


2,94/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O candidato popular á presidencia da Xunta conversa con Vieiros

Un momento da entrevista
Un momento da entrevista
Feijoo considera que o nacionalismo vai pagar un prezo electoral polos seus pactos co PSdeG
Feijoo considera que o nacionalismo vai pagar un prezo electoral polos seus pactos co PSdeG
Feijoo saúda a Eduardo Rego, profesor de Socioloxía e opinador de Vieiros
Feijoo saúda a Eduardo Rego, profesor de Socioloxía e opinador de Vieiros
Feijoo asegura ter mellor relación persoal con Quintana ca con Touriño
Feijoo asegura ter mellor relación persoal con Quintana ca con Touriño