Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
A tres días da data sinalada

Feijoo volve negarse a acudir ao debate, sen os tres cara a cara que planeou

A CRTVG envioulle unha carta a Xunta Electoral na que sinala que o que pide o popular non está nos seus plans de cobertura. O PSdeG rexeita un debate só con Quintana.

Redacción / EP - 19:14 17/02/2009
Núñez Feijoo con Corina Porro en Vigo esta segunda feira

Núñez Feijoo con Corina Porro en Vigo esta segunda feira

Esta terza feira o director xeral da Compañía de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), Benigno Sánchez, emitiulle unha carta á Xunta Electoral na que sinala que "non se dan as condicións" que garantan un debate televisado entre os dous candidatos á presidencia da Xunta polos partidos con representación parlamentaria.

O encontro entre Núñez Feijoo (PPdeG), Pérez Touriño (PSdeG) e Quintana (BNG), previsto para a vindeira sexta feira, queda no aire a tres días de se desenvolver, pola negativa do primeiro candidato, o líder popular, de concorrer ao encontro se non se desenvolven, nos vindeiros días, tres cara a cara bilaterais.

Non pode haber plans de cobertura "á carta"
Ao parecer, segundo Sánchez, o debate está paralizado porque Feijoo non confirmou a súa participación aínda. Ao tempo, o director do ente público sinala que Núñez Feijoo "estabeleceu condicións non previstas" no plan de cobertura emitido pola Xunta Electoral o pasado 5 de febreiro, referíndose ao desenvolvemento dos tres debates bilaterais que, para o popular, son a condición indispensábel para concorrer ao encontro da sexta feira. Segundo fontes da compañía pública, que non se saiba con certeza se hai ou non debate na sexta "causa un prexuízo" nos recursos humanos e técnicos da Galega, que quedan comprometidos cunha emisión en directo deste tipo no ar.

Feijoo contradi á CRTVG asefgurando que os debates bilaterais "caben perfectamente" nos seus plans
O líder do PPdeG asegurou, ao coñecer a carta que Sánchez lle enviara á Xunta Electoral, que os tres cara a cara que el propón si teñen cabida no plan de cobertura do canal, xa que que se fagan mudanzas neste acordo, depende, ao seu ver, "da vontade de PSdeG e BNG". Neste sentido, Feijoo censurou que socialistas e nacionalistas poñan a "desculpa" dun plan que "eles mesmos aprobaron" para "vetar" os tres cara a cara por el propostos.

"O que acepta todos os debates son eu", sentenciou Feijoo, tras lembrar que xa dixera que si aos dous debates con Touriño propostos por Antena 3 e por RTVE, e ao "teatriño" proposto pola Galega, mais coa condición dos outros tres.

Que hai dun debate só con Touriño e Quintana?
Feijoo considerou que sería "sorprendente" que Touriño e Quintana decidisen debater entre eles, deixando de lado a candidatura popular, se finalmente el non acepta a proposta formulada pola TV pública. Porén, terminou ironizando: "sería moi interesante un debate entre eles".

Por outro lado, fontes do PSdeG descartaron un debate entre o seu secretario xeral, Pérez Touriño, e o voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, no caso de que Feijoo finalmente non se presente. Se Feijoo non decide asistir, a última hora, o debate non se desenvolvería.

Os líderes dos tres partidos participaron nun debate a tres bandas con motivo das pasadas eleccións españolas, mais tamén naquela altura mantívose a incógnita da asistencia de Feijoo até o último momento. O único cara a cara televisado entre candidatos ás eleccións galegas produciuse en 1993, e enfrontou ao, naquela altura, presidente da Xunta e hoxe en día senador, Manuel Fraga (PSdeG), ao aspirante e actual eurodeputado, Antolín Sánchez-Presedo (PSdeG).


2/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Pérez Touriño nun almorzo con representantes do sector do voluntariado, esta terza feira
Pérez Touriño nun almorzo con representantes do sector do voluntariado, esta terza feira
Quintana con Fernando Blanco nun mitin en Burela, esta segunda feira / Imaxes: Flickr
Quintana con Fernando Blanco nun mitin en Burela, esta segunda feira / Imaxes: Flickr
Os tres candidatos no debate desenvolvido con motivo das eleccións españolas, en 2007
Os tres candidatos no debate desenvolvido con motivo das eleccións españolas, en 2007