Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
Galiza 2009

Touriño garántelles aos operarios cun ERE o 90% do seu salario

O líder do PSdeG tamén se comprometeu a facilitárllelo acceso a cursos de formación, mentres dure a crise e a redución de actividade empresarial.

Redacción - 18:40 23/02/2009
Touriño falando para os medios de comunicación, en Camariñas esta segunda feira / Imaxe: Flickr PSdeG

Touriño falando para os medios de comunicación, en Camariñas esta segunda feira / Imaxe: Flickr PSdeG

O secretario xeral do PSdeG e candidato á presidencia da Xunta, Emilio Pérez Touriño, garantiu esta segunda feira que, se revalida o seu cargo nas urnas o 1 de marzo, "todos os traballadores de todos os sectores de actividade" que sufran un expediente de regulación de emprego (ERE), recibirán o 90% do seu salario e cursos de formación durante o tempo que dure esta situación.

"Mentres eu sexa presidente, ningún traballador cargará coa crise sobre as súas costas"
Nun encontro cunhas 200 persoas pertencentes a organizacións da costa atlántica, desenvolvida na Casa da Pedra de Camariñas (Terra de Soneira), o dirixente socialista explicou que esta cobertura salarial sairá da "mesa de diálogo social", de tal xeito que o Goberno ha achegar o 13% ao 70% que cobre a prestación por desemprego no Estado Español, e as empresas sumarán o 7% restante. Así obterase, coa colaboración de todos os axentes, o 90% que proclama.

Na súa intervención, o candidato socialista sinalou que o paro é a súa principal preocupación, e defendeu a nova medida por el promulgada sinalando que se trata dunha acción "para que ninguén quede danado durante a crise", que serviría para paliar a caída dos ingresos e o consumo, pensada para que os traballadores "non paguen as consecuencias" dunha situación "que non crearon". "Mentres eu sexa presidente, ningún traballador cargará a crise sobre as súas costas", prometeu Touriño.

Sobre o sector pesqueiro e o 'Prestige'
Sobre o sector pesqueiro tamén falou Touriño, sinalando que o seu partido está "comprometido" co mesmo, e lembrou algunhas medidas desenvolvidas estas lexislatura que xa termina, como a campaña da Pesca de Rías, e algunhas propostas, como a de "facilitar a compra dun barco de pesca artesanal a menores de 40 anos, cunha subvención de 50 mi euros". Nesta liña, a conversa foise derivando cara a meirande catástrofe que afectou a Costa da Morte, a do 'Prestige', sobre o que o líder socialista evitou pronunciarse: "eu hoxe veño aquí falar de futuro", e repasou, a seguir os investimentos en protección do litoral que promoveu o Goberno nestes catro anos. "Galiza é a Comunidade Autónoma quen ten mais medios para loitar contra unha catástrofe marítima, xa que multiplicamos por oito a capacidade de recollida, con remolcadores, helicópteros". Ao fío desto anunciou que "o novo helicóptero de salvamento marítimo terá base na Costa de Cee".

A medida anunciada por Touriño é ben acollida polos sindicatos
Nun seu comunicado UXT valor positivamente a última medida anunciada por Touriño, mais considerando que, en determinados sectores de actividade, as cantidades que aportan certas empresas "deberían incrementarse", debido ás súas "capacidades financeiras e aos beneficios acadados nestes sectores". Neste sentido, UXT aplaudiu o carácter protector desta medida, sinalando que o trinomio "protección, creación e mantemento de emprego deberan ser as pautas de traballo na actual situación de crise", para evitar que sexan os traballadores e as traballadoras as que máis a sufran.

Pajín acusa ao PPdeG de depositar as súas esperanzas na abstención
Polo seu lado, a secretaria de Organización do PSOE, Leire Pajín, acusou esta segunda feia ao PPdeG de ter depositadas as súas esperanzas na abstención para gañar as eleccións do vindeiro domingo, e recalcou que, en contraposición, os socialistas, han seguir facendo campaña para "explicar os logros do goberno que preside Rodríguez Zapatero". Nesta liña, Pajín insistiu en que o PSOE quere que os cidadáns voten, "porque con iso non gaña o partido, senón a democracia".

A dirixente socialista tamén destacou que as enquisas publicadas esta fin de semana "deixan claro o ascenso do PSOE" en Galiza e en Euskadi. "Estamos convencidos de que, a pesar do que lle gustaría a algúns, os cidadáns non van deixar que a abstención decida por eles", concluíu.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



No mitin electoral, en Camariñas / Imaxe: Flickr PSdeG
No mitin electoral, en Camariñas / Imaxe: Flickr PSdeG
Cos xornalistas que o seguen nesta campaña, no seu autobús / Flickr: PSdeG
Cos xornalistas que o seguen nesta campaña, no seu autobús / Flickr: PSdeG
A secretaria de Organización do PSOE, Leire Pajín, o pasado 10 de febreiro durante un acto de precampaña, con Mar Barcón e Vicente Irisarri
A secretaria de Organización do PSOE, Leire Pajín, o pasado 10 de febreiro durante un acto de precampaña, con Mar Barcón e Vicente Irisarri