Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A POLÍTICA LOCAL, CONDICIONADA POLA CAMPAÑA

O PP de Silleda nega a intención de presentar unha moción de censura

O portavoz popular, Fernández Vieitez, acusa á alcaldesa socialista de querer luxar a campaña electoral facéndose a vítima dunha posíbel conspiración.

Redacción - 09:30 25/02/2009

"Nunca pensei nunha moción de censura". Así de contundente se amosou para Vieiros o portavoz do Partido Popular de Silleda, Xosé Fernández Vieitez. "Quen sacou este tema foi a alcaldesa (PSdeG), que nos quixo acusar de atacar ao sistema democrático e querer invalidar a decisión dos cidadáns nas urnas, cousa que nós non fixemos nin faremos en absoluto".

Sen estabilidade de goberno
As últimas eleccións municipais, celebradas en 2007, depararon para Silleda un goberno socialista. Dos trece concelleiros disputados, o PSdeG acadou seis, o Partido Popular outros seis e o BNG un. Con todo, a lista socialista incorporaba a dous candidatos que anteriormente representaban un partido independente, o CIS, que decidiron integrarse na lista socialista. Porén, en novembro estes dous edís optaron por separárense do grupo de executivo, acto que escenificaron abandonando unha xunta de goberno. Dende ese momento a inestabilidade é unha constante que se reflicte na celebración de plenos e demais actos municipais, o que fai que a ameaza dunha moción de censura sexa unha realidade sempre presente na política local.

"Non houbo ningún tipo de conversa, aínda"
Os rumores disparáronse aínda máis logo de que nun mitin o portavoz popular, Xosé Fernández Vieitez, asegurase que tiña dereito a "levar a cabo diálogo con estas dúas persoas", en alusión aos edís do goberno que están apartados, Ofelia Rei e Xabier Cuíña. Con todo, agora aclara que esta frase non foi unha invitación á moción de censura: "dende o PP demostramos até o de agora paciencia e prudencia con respecto á situación política local e non é a nosa intención romper o goberno lexitimamente elixido".

O edil popular asegura que non se iniciou ningún tipo de contacto con estes dous concelleiros, se ben non descarta mantelo "en canto se incorporen ao grupo mixto", segundo as súas propias declaracións. Neste sentido, Vieitez asegura que o seu interese será o de sumar forzas e tentará facelo con Rei e Cuíña "como tamén o fago co Bloque Nacionalista Galego", é dicir, "o obxectivo é que poidamos chegar a acordos puntuais para poder votar conxuntamente nos órganos de goberno do concello, como os plenos". Non obstante, insiste en que "a cuestión dunha moción de censura non se me pasou nin pola cabeza até o de agora", se ben non descarta que puidera darse "máis adiante porque" -di- "quen sabe o que pode pasar de aquí a un ano, por exemplo?".

Luxar a campaña
Sobre os motivos polos que o dixomedíxome da moción de censura está a cobrar forza nos últimos días, Fernández Vieitez dirixe a súa mirada cara á alcaldesa, Paula Fernández (PSdeG): "a súa intención é a de ensuciar a campaña electoral, acusarnos a nós de querer rachar cun goberno lexitimamente elixido". "E unha cousa que non se sostén, porque se quixeramos manter conversas cos dous edís que abandonaron o goberno poderiamos telo feito xa", di o portavoz popular, "o caso é que á alcaldesa lle interesa facerse a vítima e compararse coa carrapuchiña vermella que está a ser perseguida, mais nós non temos interese ningún en converternos en lobos".

Na mesma liña se manifestou a portavoz do BNG de Silleda, Carme Fidalgo, quen tamén ve na campaña electoral unha motivación para todos os movementos dos últimos días: "todo o mundo se quere anotar un tanto", di, "uns de vítimas e outros de vencedores".


4.5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: