Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
A Fiscalía investiga un polémico uso de mensaxes "virais"

A "guerra sucia" do PP fronte ao bipartito: Da rede aos xulgados

Membros do equipo de Feijoo suplantaron, presuntamente, a identidade de responsábeis de PSOE e BNG en correos electrónicos "difamatarios" contra estas forzas.

R. N. - 19:45 25/02/2009

Unha mensaxe asinada polo xefe de comunicación do PSdeG-PSOE foi difundida masivamente en internet hai poucos días. Paradoxalmente, o documento adxunto incluía un Powerpoint con imaxes e textos alusivos á polémica urbanística mediaticamente bautizada como "Villa-PSOE". O belixerante envío contra os intereses dos socialistas, formalmente simulaba ter saído dunha conta persoal do PSdeG-PSOE e do propio responsábel principal de prensa desta formación. Porén, internamente, nas propiedades do documento quedaba a pegada do computador da persoa que o creou, modificou e presuntamente o enviou. O nome do responsábel coincide co dun asesor de comunicación do presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, integrante do equipo de prensa que acompaña o líder do PP nesta campaña electoral.

Este mesmo mércores, unha nova mensaxe era difundida viralmente na rede, desta volta asinada polo "BNG Madrid", tal e como no caso anterior, cunha conta creada a través do servizo gratuíto de Google, o Gmail. Desta volta, o paradoxo era que o documento de powerpoint adxunto incluía un ataque ao líder do BNG, baseado nun encontro co construtor Jacinto Rey, xa publicado hai tempo na prensa do país pero difundida estes días pola prensa de Madrid.

Desde a dirección do PSdeG-PSOE confirmáronlle a Vieiros a existencia doutros envíos do mesmo tipo, "atacando" políticas dos socialistas, e que simulan ser enviados desde contas corporativas do PSOE. O asunto foi levado aos xulgados hai xa días polo primeiro responsábel do PSdeG afectado e, remitida a denuncia á fiscalía, o tema foi xa admitido a trámite. Sobre o caso similar que lles afecta aos nacionalistas, desde o BNG aínda non decidiron acerca do posíbel inicio de accións xudiciais.

Por outro lado, os socialistas cualifican de "moi grave" o acontecido e entenden que é un exemplo da "guerra sucia" emprendida polos populares, aos que acusan de non aforrar en "mentiras, manipulación" e mesmo manobras ilegais como é o caso desta suplantación de identidade. Entenden ademais desde o PSOE que se trata dun exemplo do proceder "deleznable" do equipo do PPdeG e apuntan á responsabilidade da dirección do PPdeG e a implicación directa do asesor de prensa que presuntamente asina os documentos, un ex xornalista do ABC agora traballador do PP, do que, censuran, "é recordado en Galiza polos seus agresivos ataques contra as mobilizacións da plataforma Nunca Máis".


4.98/5 (44 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: