Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Euskadi

Edición xestionada por Vieiros
RSS de Euskadi
ABSTENCIÓN E O VOTO NULO, DETERMINANTES

Vieiros analiza cos xornalistas vascos as eleccións

Falamos con cinco profesionais de diferentes medios vascos que nos deron o seu punto de vista sobre os comicios do día 1 de marzo.

Pablo García Martínez - 13:20 28/02/2009
O  asento de Ajuria Enea aínda non sabe que vai ser o seu inquilino

O asento de Ajuria Enea aínda non sabe que vai ser o seu inquilino

Vieiros falou con xornalistas de cinco medios vascos para que nos conten dende dentro as perspectivas que teñen de cara a unhas eleccións nas que, agora mesmo, resulta difícil prever o resultado final. Falamos da campaña electoral, dos posíbeis resultados e das consecuencias destes que, segundo varios dos entrevistados, poden levar por primeira vez un partido español a sentarse na cadeira de mando do palacio de Ajuria Enea.


Dani Álvarez, director do programa Ganbara en Radio Euskadi e colaborador habitual de Vieiros
"No que se refire aos resultados o previsíbel é que gañe o PNV, que baixo o meu punto de vista vai andar moi preto dos 30 escanos. O PSOE vai experimentar un ascenso importante que pode levalo até os 25 escanos, malia que as sondaxes máis optimistas falan de até 28 deputados para o partido que dirixe Patxi López, mais eu penso que subir 10 (durante a última lexislatura tiveron 18 deputados) dunhas eleccións para outras é demasiado. Polo que respecta ao PP as enquisas dánlle unha baixada de 15 a 12, pero eu penso que ten un chan electoral moi forte e non vai descender tanto. Hai que ver tamén os resultados de Aralar, que pode experimentar unha gran subida grazas ao voto da esquerda abertzale. A gran incógnita é saber quen chegará aos 38 escanos, se será o bloque liderado polo PNV ou será o composto por PSOE, PP e, de darse o caso, UPyD. Independentemente do resultado, o que está claro é que a partir do 2 de marzo comeza unha nova etapa que desterrará o xeito de facer política instaurado até o momento en Euskadi. Rachará co non constante do PP e PSOE ás propostas sobernaistas; e, polo outro lado, penso que tamén moderará o xeito de facer política do PNV en relación ás persoas que se senten españolas en Euskadi, que pode chegar a considerarse agresivo en ocasións. O outro punto interesante será o nivel de voto nulo para ver que xente está descontenta co sistema de partidos actual."

Ibai Fernández, redactor de política no Diario de Noticias
"Estamos diante das eleccións máis abertas da historia de Euskadi e non creo que o domingo se saiba quen vai a ser o vindeiro lehendakari. Haberá que ver a diferenza que lle saca o PNV ao PSOE e se estes últimos se atreven a quitarlle a presidencia aos nacionalistas, esperando a ver se a dirección do partido en Madrid llo permite. Eu penso que as claves van ser tres: o voto da esquerda abertzale, ver se manteñen a súa aposta polo voto nulo ou finalmente deciden exercer un voto útil; a capacidade do PSOE para apañar, en parte a costa do PP, os votos dun sector non nacionalista que ten moitas vontades de cambio; e a capacidade de mobilización de voto do PNV, que tratará de emular ás eleccións do 2001 nas que conseguiu un enorme apoio de xente que exerceu un voto útil para que non gobernara o PP. De tódos os xeitos eu penso que o votante nacionalista non lle ten hoxe tanto medo a Patxi López como lle tiña naquela altura a Mayor Oreja".

Martxelo Otamendi, director do diario Berria
"Para empezar hai que lembrar que destas eleccións vai saír o primeiro parlamento vasco sen esquerda abertzale. É previsíbel unha vitoria de Ibarretxe, que pode non ter unha maioría ao seu redor. Se PP e PSOE suman os 38 escanos que dan a maioría absoluta teño claro que Patxi López vai ser lehendakari a non ser que a executiva do partido en Madrid impida esta unión para non perder o apoio do PNV no parlamento español. Eu vexo probábel que Patxi López sexa lehendakari co apoio puntual do PP na investidura, malia que despois estes partidos non acaden necesariamente un goberno de coalición nin tampouco un acordo de lexislatura".

Alberto Turio, redactor de política no Diario Vasco
"Nunca vin unhas eleccións tan abertas, polo que é difícil facer previsións, pero o que si teño claro é que a polarización existente beneficia a Patxi López e Ibarretxe. Vivimos durante estas semanas unha campaña de perfil baixo, sen demasiadas exaltacións, tal e como quería o PSOE para evitar unha mobilización do voto nacionalista semellante á do ano 2001. Ibarretxe fixo unha campaña moi boa, afastando da primeira liña de debate a disputa soberanista e centrándose en realzar o seu perfil de partido xestor, mentres que os socialistas conseguiron acaparar para eles a idea do cambio. A chave do que aconteza despois destas elección terana os partidos pequenos, que poden determinar que o partido con máis escanos non goberne Euskadi. Non é algo raro en Euskadi xa que o PNV goberna as deputacións de Araba ou Gipuzkoa sen ser os máis votados sendo algo que, por exemplo, tamén lle acontece ao PP en Galiza. Está todo moi aberto e hai varios factores que non dominaremos realmente até o día das eleccións como pode ser o apoio que remate recibindo Aralar, que até agora é unha verdadeira incógnita.

Umberto Unzueta, redactor de política no diario Deia
"Eu penso que a clave vai estar no votante indeciso, que actualmente supón entre o 20 e o 30% dos electores, e constitúe un número de votos determinante na situación apertada coa que nos atopamos. Vai ser a votación máis axustada da historia recente e o único que teño claro é que o PNV será o partido mais votado, malia a subida do PSOE. Neste escenario atoparémonos con dous candidatos a lehendakari, porque Patxi López xa anunciou que se vai presentar aínda que non sexa o máis votado, buscando a maioría cos votos do partido popular. Se PSOE e PP suman 38 deputados estou seguro de que Patxi López será o vindeiro lehendakari, malia que despois está o complexo tema da formación de goberno.


5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: