Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Europa produce toneladas cada ano

Onde vai parar o noso lixo electrónico?

The Independent, Sky e Greenpeace seguiron un vello aparello de televisión que chegou a Nixeria, cando nunca debería ter saído do Reino Unido.

Redacción - 10:30 28/02/2009
No mercado de televisores, en Lagos / Imaxe: Greenpeace

No mercado de televisores, en Lagos / Imaxe: Greenpeace

Chegou cun pequeno dispostivo GPS adherido a un vello aparello de televisión abandonado nun vertedeiro británico para saber onde vai o lixo do Reino Unido.

Días despois de ser depositado o televisor, a carcasa electrónica daba sinais de vida: estaba en Lagos, capital de Nixeria, noutro continente cara o sur, en África. Alí, homes, mulleres e nenos e nenas recollen todo tipo de lixo electrónico chegado de Europa e Asia, atopándose, cada día, con substancias tan perigosas coma o cadmio, o chumbo e o mercurio.

Centos de milleiros de fogares europeos producen todos os meses varias toneladas de lixo tóxico e refugallos electrónicos, que, de acordo coas leis ambientais da Unión Europea, deberan ser tratados por empresas dedicadas a este eido. Mais, nunha investigación conxunta desenvolvida pola cadea de televisión Sky, o xornal The Independent e a organización ecoloxista Greenpeace, sóubose que a realidade era máis ben outra. Moitos dos televisores, computadores, móbiles e todo tipo de lixo electrónico producido no Reino Unido metíanse nun contedor, despachábanse para África e acababan, a ceo aberto, en barrios feitos de lata en cidades de Nixeria ou Gana.

Segundo esta denuncia, o televisor en cuestión, que ía equipado co dispositivo de localización por satélite, debera ter terminado nun centro de reciclaxe de Basingstoke (no condado de Hampshire, no sudoeste de Londres), a onde foi levada e, segundo contan en The Independent, se se cumprisen as leis de protección ambiental, non debera ter saído do país. Mais o que aconteceu foi moi diferente: o aparello foi comprado por un maiorista londinense -un dos centros de comerciantes que mercan unha grande parte das 940 mil toneladas de lixo doméstico que producen os británicos cada ano-, e terminou no mercado de refugallos de Alaba, en Lagos, ao que cada día chegan perto de 15 contedores cargados con este material, oriundos de Europa e Asia.

De acordo co que contan en The Independent, polo menos un terzo deste material é automaticamente desmontado e deitado en lixeiras, onde un monte de xente termina por retirar das carcasas as partes electrónicas que aínda quedan, e que sexa rendíbeis. Deste xeito, co aparello esbandallado, os traballadores fican expostos a metais pesados coma o mercurio, o chumbo e o cadmio, así como a todo un cóctel de dioxinas.


Ligazóns

3.67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: