Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
NOVA LEI DO CINE

A metade dos filmes que se proxecten en Cataluña serán en catalán

A normativa aprobarase antes do verán e promoverá o cinema en versión orixinal subitulada, garantindo os dereitos dos falantes de ambas as dúas linguas.

Redacción - 11:15 04/03/2009

A Lei do Cine de Cataluña que impulsa o goberno presidido por Montilla estabelecerá a obriga de distribuír o mesmo número de copias dobradas ao catalán que ao castelán, e no caso das obras subtituladas tamén esixirá o mesmo número de filmes con subtítulos en ambos os dous idiomas. O obxectivo desta norma, segundo figura no documento de bases da futura lei é "garantir o dereito dos cidadáns de poder ver cine nas dúas linguas oficiais e fomentar a distribución e exhibición de cine en versión orixinal subtitulada". A normativa, que aplica un aspecto xa previsto na Lei de Normalización Lingüística de 1983, deixa fóra desta medida os filmes que na súa versión orixinal xa están en castelán ou catalán.

Está previsto que a lei se aprobe no parlamento antes do verán, cumprindo un dos puntos recollidos no acordo de goberno asinado entre PSC, ERC e ICV. Para o conseller de Cultura e Medios de Comunicación, Joan Manuel Tresserras (ERC), trátase da oportunidade de garantir os dereitos dos falantes dos catalán nun eido no que até agora non fora posíbel facelo, debido en parte ao oligopolio exercido no mercado polas grandes majors norteamericanas. O documento aposta pola proxección dos filmes en versión orixinal (con subtítulos en catalán ou castelán), para "respectar a integridade das obras artísticas" e "familiarizar os cidadáns na aprendizaxe de novas linguas" pois aplicará unha taxa ás películas dobradas. A medida implantarase de xeito progresivo, de xeito que a oferta en catalán será do 30% o primeiro ano, do 40% o segundo e chegará ao equilibro no terceiros ano.

Galiza non é Cataluña
Até o momento, a Generalitat despregara unha actividade moi intensa para conseguir que unha parte das grandes producións norteamericanas se estreasen en catalán e castelán. Porén, tratárase de iniciativas illadas, como a moi comentada estrea do último filme de Indiana Jones en catalán, que dera lugar a unha lea no Parlamento entre Bieito Lobeira e Marisol López. Lobeira esixira daquela o cumprimento da Lei de Normalización Lingüística de Galicia, que prevé a dobraxe ao galego cada ano de dez filmes con espectativas comerciais, e denunciara que "os dereitos lingüísticos dun galego desaparecen ao entrar nun cine".

A Mesa e a asociación de profesionais da dobraxe de Galicia tamén lle exixiran á Xunta o cumprimento da lei de normalización. Porén, en agosto Marisol López anunciou que consideraba "inviábel" asumir o custe da dobraxe de filmes ao galego e que optaría por potenciar "a medio prazo" a lingua en internet e noutras plataformas de contidos que entendía más rendíbeis.

Outro caso moi comentado foi o da película Bolboreta, mariposa, papillona, filmada orixinalmente en galego, catalán e castelán, á que se lle esixiu ser dobrada ao castelán para poder ser distribuída.


4,67/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: