Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Euskadi

Edición xestionada por Vieiros
RSS de Euskadi
ELECCIÓNS EN EUSKADI

Patxi López pecha as portas a un pacto co PNV

Os nacionalistas cualifican de "golpe" que os socialistas queiran gobernar, pero ofrécenlles un pacto reservándose a presidencia.

Redacción - 10:30 05/03/2009

O PNV e o PSE-EE comezan este xoves a rolda de encontros entre os partidos vascos con vistas á formación de maiorías para a investidura do próximo lehendakari. Á reunión acudirán o presidente do PNV, Iñigo Urkullu, e o lehendakari en funcións Juan José Ibarretxe por parte da formación jeltzale e o presidente do PSE, Jesús Eguiguren, o secretario de organización, Rodolfo Ares, e os secretarios xerais de Araba e Guipúscoa, Txarli Prieto e Iñaki Arriola, por parte dos socialistas. Esta xuntanza coincide cun aumento da tensión dos dous partidos maioritarios.

Nunha entrevista concedida á Cadena Ser, Patxi López rexeitou, antes da reunión, toda posibilidade de apoiar un lehendakari do PNV, e afirmou que a única posibilidade que baralla é un goberno dirixido polo PSE. López dixo estar "confiado" ante o apoio do PP a pesar da rivalidade que os separa porque "cre que é boa para España a alternancia en Euskadi". López apuntou que se este apoio no Parlamento vasco complica as relacións co PNV no Congreso dos Deputados: "haberá que utilizar a democracia para buscar outros apoios".

Dende o día das eleccións o PNV amosouse moi crítico coa intención de Patxi López de formar goberno (en minoría ou co PP) malia non ser o partido máis votado nas eleccións. O nerviosismo amosado polos nacionalistas levou ao PSE a pedirlle que deixase de considerarse a representación de Euskadi: "non son o réxime nin a relixión de Euskadi, senón un partido máis que ás veces estará no Goberno e ás veces na oposición".

Porén, a tensión chegou este mércores ao seu punto máis alto, cando o presidente do PNV, Íñigo Urkullu asegurou, ao remate dunha roda de prensa que se o PSE se facía co Goberno Vasco entenderán este movemento político como "un golpe institucional". Dende a formación nacionalista deixouse claro que a súa intención non fora "quentar" o encontro, e procuraron matizar as palabras do seu presidente. Nesa mesma rolda de prensa, o líder peneuvista non ocultara o seu enfado ante o sistemático recordo realizado estes días por PSE e PP de que o PNV goberna en Guipúscoa e Araba sen ser o partido máis votado en ningún dos dous territorios durante as pasadas eleccións municipais.

Por outra banda, os partidos vascos están aínda á espera do reconto do voto emigrante, que ao igual que en Galiza podería mudar os resultados do 1 de marzo. Neste caso, o PSE gañaría un escano por Araba en prexuízo de EA. Nese escenario, os socialistas sumarían 25 escanos, que sumados aos 13 do PP lles abondarían para chegar á maioría absoluta sen necesitar o apoio de UPyD.


3/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: