Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
exposición

Chamábanlles 'rojas', e por iso foron represaliadas

A mostra 'Vermellas. Chamábanlles rojas', que estará no Campus de Lugo até o 6 de maio, recolle vivencias das mulleres galegas vítimas da Ditadura.

Redacción - 10:15 08/03/2009

O Campus de Lugo acolle, dende esta sexta feira, a exposición Vermellas. Chamábanlles 'rojas', que estará aberta ao público na Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria até o vindeiro 6 de maio. A represión á muller e as súas diferentes tipoloxías expóñense a través das súas protagonistas, mulleres que por distintas condicións socioculturais e políticas sufriron humillacións e vexacións, perdendo a seres queridos, en moitos casos cumprindo penas de cárcere e noutros de forma dramática atopando a morte.

A mostra está organizada pola Vicerreitoría de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela, e dedícase ás mulleres que foron represaliadas en Galiza tralo golpe de estado de 1936. Está organizada en diferentes paneis que debuxan a represión contra a muller no noso país, recollendo dende unha lectura artística e literaria, até retallos que se ocupan do marco histórico. Esta segunda parte foi creada a partir do Proxecto de Investigación Interuniversitario As vítimas, as voces, os nomes e os lugares, dirixido polo catedrático en Historia Contemporánea na USC Lourenzo Fernández Prieto e financiado pola Consellaría de Cultura e Deporte, e componse de diferentes gráficas e un mapa nos que poder pescudar a represión exercida contra as mulleres durante a guerra e a ditadura franquista. Así mesmo, o Proxecto proporcionou unha listaxe de nomes das vítimas da bisbarra de Lugo procedentes dos resultados da investigación que o equipo leva desenvolvendo desde o 2006. Varias fotografías procedentes dos fondos do Proxecto poñen cara ao terror sufrido por moitas mulleres tralo Golpe de Estado de 1936.

Ademais, o visitante poderá achegarse á fonte oral da represión a través dunha selección de entrevistas cedidas polo proxecto, e que forman parte do seu fondo oral composto por 403 conversas. Xunto a este material, tamén cedeu un interesante vídeo que recolle a visita do Presidente da República, Alcalá Zamora, á Coruña en 1934. Mais, alén desta exposición, o programa Vermellas contará con diferentes encontros, conferencias e mesas redondas.


5/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: