Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Un modelo na picota

O persoal laboral do Consorcio arreponse a Feijoo e defende a "eficiencia" do servizo

Os traballadores asinan un comunicado que gaba o actual sistema asistencial, de "calidade", "público" e "especializado", fronte ao antigo e futuro, do PP.

F. Arrizado - 18:20 06/03/2009
O programa 'Xantar na Casa'

O programa 'Xantar na Casa'

Tanto o líder dos populares, Alberto Núñez Feijoo, como o presidente provincial do PPdeG pola Coruña, Carlos Negreira, poñían definitivamente na picota esta quinta feira o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Se a primeira hora da mañá, o futuro presidente da Xunta cargaba dende unha radio de Madrid contra as galescolas -unha das pólas do sistema de xestión dos servizos sociais, impulsado polo Goberno-, horas máis tarde, en conferencia de prensa, condenaba á poda o resto da ramada asistencial: a atención aos maiores, as Oficinas de I+B (inclusión social, igualdade, apoio ás familias), os centros Quérote, e o programa Xantar na Casa.

"É un modelo de xestión pouco eficiente e moi caro, que gasta máis en burocracia que en asistencia", aseguraba Feijoo que, tal e como avanzara durante a campaña electoral, ratificou ademais que se 'municipalizará' a xestión dos servizos sociais e insinuou a súa posíbel privatización (en troques do modelo público e centralizado, que defende o BNG, ou o público e municipalizado, polo que avogaba o PSdeG).

Case ao mesmo tempo, nunha outra comparecencia, Negreira secundaba as afirmacións do seu presidente, asegurando que había máis de mil prazas privadas que poderían estar concertadas, para que moitas das persoas que permanecen sen asistencia botasen beneficio delas.

Comunicado dos traballadores
As críticas non sentaron nada ben entre os principais afectados e aludidos: os traballadores e traballadoras do Consorcio que fixeron público un comunicado de sete puntos este venres onde manifestan o seu malestar polas declaracións dos dirixentes populares, e poñen en valor tanto o seu labor profesional como o do propio sistema.

"A 'eficiencia' do Consorcio tense demostrado coa implantación, posta en marcha e xestión, nos últimos dous anos, de equipamentos de servizos sociais no territorio galego, que tiña antes a dubidosa honra de situarse á cola de todas as estatísticas en canto a ratios de cobertura de servizos sociais", afirman.

Consideran neste senso que o Consorcio "contribuíu, de xeito importante a darlle volta a estas estatísticas" para se achegar á "media estatal e europea". "Está é a falta de eficiencia?", cuestiónanse. Ademais, afirman que "é unha mágoa que un instrumento que está a vertebrar unha rede de equipamentos públicos (...) sexa considerado como un 'problema'".

Tamén, recordan que o Parlamento aprobou unha Lei de Servizos Sociais onde "explicitamente se recolle" que "o Consorcio, rexido polos seus estatutos, promoverá a coordinación e cooperación efectiva cos concellos galegos, a fin de asegurar unha cobertura equilibrada dos servizos sociais en todo o territorio" de Galiza. Pregúntanse, xa que logo se "está prevista a derrogación desta lei".

"Rede de recursos públicos e de calidade"
Ao respecto, expoñen que "o 49% da representación do Consorcio é dos 267 concellos adheridos até a data". Concellos "de todas as cores políticas", que están "representados en todos os órganos de xestión, dirección e planificación do Consorcio", polo que sosteñen non se pode falar de "marxinación".

O Consorcio, salientan por último, "dignificou o traballo de moitos profesionais do ámbito educativo e dos servizos sociais" de profesións "historicamente esquecidas", e estes coa súa "capacidade", "dedicación" e "esforzo" fixeron posíbel que Galiza, "por primeira vez, conte cunha rede de recursos públicos, de calidade, eficaces e altamente especializados para o uso de toda a sociedade galega".


5/5 (40 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: