Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
THE HOMENS E SAMESUGAS

O rock galego invade Cataluña nunha furgoneta

As dúas bandas compostelás actuaron esta fin de semana en Sant Feliu de Guixols e Barcelona. Contámosvos as anécdotas da mini-xira.

M.S.P. - 09:10 11/03/2009

Xoves 5. Arrinca unha furgoneta de Santiago con 1200 quilómetros e tres días por diante. No seu interior viaxan dúas bandas compostelás: Samesugas e The Homens, protagonistas desta road-movie que en tres días cruzou dúas veces a península dun lado a outro, de Compostela a Sant Feliu de Guixols, con durmida en Burgos, por suposto nun hotel de camioneiros. De Sant Feliu a Barcelona, e novamente a Compostela. Do Atlántico ás praias do Mediterráneo, cruzando a neve.

Estamos na tarde do xoves e Álex, guitarrista de Samesugas non pode viaxar; ten fastidiadas as costas e Martiño (cantante e guitarra de The Homens) vai ter que substituílo, facendo doblete nos concertos. Esa é a banda sonora da viaxe de ida: Martiño aprendendo as cancións e practicando os acordes na parte de atrás da furgoneta. "O rock de Samesugas mola moito, pero cansa", di Martiño.

Os tres integrantes iniciais de The Homens (hai uns meses uníuselles Cristovo, aos teclados) coñecen ben Sant Feliu de Guixols. Alí, nos Estudios Ultramarinos Costa Brava, gravaron en 2007 o seu primeiro disco longo, Tres. O propio Santi García, produtor do disco, ocupouse do son do concerto do venres á noite, no Teatro Municipal. Sant Feliu é unha vila pequena, de pouco máis de vinte mil habitantes, pero na que a música ten unha gran importancia. En agosto o Sant Feliu Fest é unha referencia para o hardcore de toda a península. A Sant Feliu regresarán a mediados de agosto ("tres semanas convenientemente afastadas da festa major, que é un perigo", di Martiño) os catro Homens, para gravar o seu segundo álbum, do que anticiparon catro cancións nos concertos desta fin de semana.

De Sant Feliu a Barcelona, á mítica Sala Apolo, pola que pasan cada semana bandas da primeira división internacional. The Homens e Samesugas actuaron no segundo espazo da sala, La (2), que se encheu para recibir os dous grupos. Os Samesugas pecharon o concerto, no que incluíron Let You Win e Desaparece, os dous temas que gravaron para o ep Laranxa, que publicaron conxuntamente os dous grupos.

O domingo, madrugar, os instrumentos ao lombo e de novo á furgoneta. 1200 quilómetros de volta até Compostela, e a recomezar. As vindeiras citas de The Homens, o 21 de marzo en Lugo (Babel) e o 5 de abril en Bueu (Aturuxo). Os Samesugas estarán o 20 de marzo en Compostela (A Gentalha) e o 3 de abril de volta a Cataluña, en Terrassa.


Trece bandas galegas en Cataluña
Durante todo o 2009 un total de trece bandas galegas viaxarán a Cataluña para actuar en nove salas pertencentes á rede Associació de Sales de Concerts de Catalunya, en Barcelona, Lleida, Mataró, Manresa, Terrasa, Salt, Rasquera e L'Hospitalet. Ademais de The Homens e Samesugas, actuarán 6 PM, A Tuna Rastafari, Faltriqueira, Holywater, Jugoplastika, Lamatumbá, Moon Cresta, Nadadora, Niño y Pistola, Sugar Montain e The Blows.

Con este desembarco galego no Mediterráneo, AGADIC dá un paso máis na promoción exterior da música galega, despois da positiva experiencia que significou o primeiro intercambio entre a Rede de Música ao Vivo e o circuíto portugués OuTonalidades no último trimestre de 2008. Este ano celebrarase unha nova edición deste programa galego-portugués, para o que xa está aberto o prazo de inscrición de grupos.


4.21/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



The Homens en Sant Feliu de Guixols (foto: Cebolo)
The Homens en Sant Feliu de Guixols (foto: Cebolo)
A furgoneta
A furgoneta
Alberte, dos Samesugas, en Barcelona (foto: Pablo Feelbeat)
Alberte, dos Samesugas, en Barcelona (foto: Pablo Feelbeat)