Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O PROCESO PODE COMEZAR NAS VINDEIRAS SEMANAS

Os traballadores do Consorcio reivindican a legalidade das oposicións

Quéixanse das "difamacións" difundidas durante a campaña electoral e defenden un proceso de selección para o que están convocadas 338 prazas de persoal laboral fixo.

Redacción - 14:00 11/03/2009
As presidentas do comité de empresa durante a negociación do convenio colectivo

As presidentas do comité de empresa durante a negociación do convenio colectivo

Este mércores os representantes dos traballadores do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar ofreceron unha rolda de prensa coa intención de defender a legalidade do proceso de selección de 338 novas prazas de traballo para persoal laboral fixo. Trátase, segundo explicou un representante da CIG, dunha convocatoria que reúne todos os requisitos de "publicidade, mérito e capacidade", ao que optarían traballadores do Consorcio que actualmente teñen un contrato de obra e servizo. Na rolda de prensa estiveron as presidentas dos catro comités de empresa provinciais e representantes de CIG e UGT, asociacións que suman o 86% da representación sindical nesta empresa pública.

O comité de empresa fala de "difamacións"

No nome do comité de empresa falou a maioría do tempo a presidenta da delegación de Ourense, Susana Sotelo, que definiu como "difamacións" moitas das informacións que se publicaron durante a campaña electoral sobre o proceso de selección que pretende iniciar o Consorcio. Sotelo cualificou o xeito de selección que defenderon este mércores como "un proceso totalmente legal, acordado por unha mesa de negociación".

Ademais, criticou que algúns dos medios que informaban sobre o Consorcio se negaran despois a publicar os comunicados que tanto o comité de empresa como a CIG lles enviaron. Foi especialmente contundente ao falar das galescolas onde, segundo ela, "foi a primeira vez que se dignificou o traballo dos educadores que se adican á franxa de entre cero e tres anos", defendendo despois a valía dos concursos que realizaron estes traballadores para chegar até alí.

A CIG ve un "uso perverso e mentireiro"
A migración contractual foi un dos temas nos que incidiu Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, cando explicou que se trata de traballadores que xa pasaron oposicións fai dous anos, pero que "no canto de opositar por un contrato laboral fixo, opositaron por un de obra e servizo". Louzao dixo que este proceso xa estaba previsto dende fai tempo e xa se podía ter celebrado de non ser pola coincidencia coa campaña electoral. Así, explicou que o normal sería que se levara a cabo nas próximas semanas, porque só faltan "publicar as listas e o tribunal, e despois datar o exame". Sobre a posibilidade de que o vindeiro goberno paralice ou demore o proceso, Louzao dixo que "sería inaudito que por intereses políticos perversos se demorara a convocatoria".

Tamén cualificou como "uso perverso e mentireiro" o tratamento que se fixo do Consorcio nas últimas semanas. Nesta liña criticou as declaracións de Feijoo, nas que falaba dun "modelo de xestión pouco eficiente, que gasta máis en burocracia que en asistencia", explicando que dos máis de 1100 traballadores do Consorcio só 50 persoas traballan nas sedes centrais, adicadas a trámites burocráticos. A central sindical convocou unha manifestación diante da sede do PP en Compostela, o xoves ás 12 horas, para garantir a continuidade do proceso selectivo.

UGT apela á legalidade do proceso
O responsábel de sanidade da UGT en Pontevedra, Óscar Martínez defendeu que a preparación deste proceso de selección se levara a cabo "baixo a legalidade" e dixo que este conflito laboral "non é algo politizable". Martínez afirmou que "os postos de traballo hai que mantelos", manifestando despois o seu apoio total aos traballadores.


4.56/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: